Ribadeo e Lalín unirán esforzos para vivir a “eclipse das nosas vidas” con pantallas xigantes na praia das Catedrais e no Altar do Sol

Os concellos de Ribadeo e Lalín preparan unha experiencia conxunta sen precedentes para a observación do eclipse solar do próximo 12 de agosto, un fenómeno que o astrofísico José Ángel Docobo, director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, cualificou como “a eclipse das nosas vidas”.
A iniciativa inclúe a instalación de pantallas xigantes tanto na praia das Catedrais como no coñecido Altar do Sol, co obxectivo de facilitar o seguimento simultáneo do evento astronómico desde ambos municipios. O profesor Docobo será o encargado de comentar en directo todos os aspectos científicos da xornada, explicando o que acontecerá antes, durante e despois do eclipse.
Segundo destacou o propio investigador, a proposta conxunta é especialmente acertada pola incerteza meteorolóxica habitual nestes fenómenos. “As nubes son caprichosas, polo que ter dous puntos de observación aumenta as posibilidades de poder desfrutalo”, sinalou, lembrando ademais que en Ribadeo se rexistrará a maior duración do eclipse en Galicia, cun minuto e 45 segundos de visibilidade.
No caso de Lalín, a observación terá como escenario principal o emblemático Altar do Sol, onde o fenómeno poderá apreciarse durante uns 20 segundos. Aínda así, Docobo subliñou o valor simbólico do lugar e a súa relevancia para a experiencia colectiva.
O alcalde de Lalín, José Crespo, explicou que o dispositivo técnico incluirá tamén unha programación especial de contidos divulgativos. “Imos colocar pantallas xigantes en ambos municipios e o profesor Docobo irá narrando todo o proceso científico. Será unha xornada intensa, porque ademais coincide coas Perseidas”, apuntou. Neste sentido, avanzou que, tras o eclipse, haberá actividades lúdicas e de observación astronómica durante a noite.
Pola súa banda, o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, destacou a importancia de aproveitar espazos naturais singulares para este tipo de iniciativas. “A praia das Catedrais é un enclave único e queriamos poñelo en valor cun evento desta magnitude”, afirmou, lembrando ademais a vinculación persoal do profesor Docobo coa zona da Devesa. Vega tamén confirmou que a TVG realizará unha retransmisión especial do acontecemento.
Ambos rexedores fixeron un chamamento ás administracións para contar co apoio necesario que permita garantir a infraestrutura técnica do evento, especialmente no relativo á conexión e transmisión vía satélite. “Precisamos colaboración para ofrecer unha emisión de calidade”, subliñaron.
No plano organizativo, Lalín habilitará zonas de aparcadoiro para dar resposta á previsión de afluencia de público ao Altar do Sol, mentres que Ribadeo activará un dispositivo especial de tráfico na contorna da praia das Catedrais co obxectivo de garantir a seguridade e a mobilidade durante a xornada.
Tanto Crespo como Vega coincidiron en que esta experiencia pode supoñer o inicio dunha colaboración estable entre ambos municipios, abrindo a porta a futuros proxectos compartidos máis alá deste evento astronómico. A xornada do 12 de agosto perfílase así como unha cita histórica de divulgación científica e posta en valor do patrimonio natural galego.