Ribadeo e Alfoz abren esta fin de semana a sétima edición dos Plans con Corazón

A Mariña volverá descubrir os seus recunchos, historias e patrimonio coa sétima edición dos Plans con Corazón, que botará a andar esta fin de semana en Ribadeo e Alfoz. O programa ofrecerá 16 actividades entre o 26 de setembro e o 14 de novembro, unha en cada un dos concellos que integran o xeodestino.
A iniciativa, impulsada pola Mancomunidade de Concellos da Mariña no marco dos convenios de colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia e coa Deputación de Lugo, busca achegar tanto á veciñanza como ás persoas visitantes a riqueza natural, cultural, patrimonial e gastronómica do territorio. As propostas estarán conducidas por guías locais e expertos coñecedores da comarca.
Ademais de favorecer o coñecemento da Mariña, o programa pretende ofrecer alternativas de lecer singulares fóra dos meses de maior afluencia e contribuír así á desestacionalización turística.
Ribadeo, primeira parada
A programación comezará o sábado 26 de setembro en Ribadeo coa proposta 'A montaña ribadense e os seus segredos!', guiada por Carmen Delia. A saída será ás 11.00 horas desde Remourelle e combinará natureza, lendas, espiritualidade e patrimonio.
O percorrido levará aos participantes desde o misterioso Pozo do Lexoso ata a plantación ecolóxica de cogomelos Shiifos, onde coñecerán o proxecto da man do seu xerente, Jesús Penabad. A experiencia continuará no Santuario de Arante para descubrir, entre outros elementos, as súas singulares pinturas. As prazas para esta actividade xa están esgotadas.
Alfoz mestura historia, patrimonio e mel
A segunda cita chegará o domingo 27 a Alfoz con 'Historias que endulzan', unha ruta circular conducida por Ana Pena que permitirá achegarse ao pasado do municipio a través de lugares vinculados á Feira de Correlos, a báscula e o antigo cárcere.
O itinerario incluirá tamén unha visita ao Pazo de Carrocide, unha das pezas destacadas do patrimonio local, antes de rematar entre colmeas. Javier Carreira, apicultor especializado de O Poder das Flores, explicará aos asistentes o seu proxecto, o coidado das abellas, a disposición das colmeas e a importancia da biodiversidade da zona.
A experiencia completarase cunha cata comentada de catro variedades de mel, relacionando cada unha delas coa flora e co contorno no que se produce. A saída terá lugar ás 11.00 horas desde o Campo da Festa dos Chóferes e aínda quedan prazas dispoñibles.
As persoas interesadas poderán formalizar a súa inscrición ata o venres ás 15.00 horas a través da páxina dos Plans con Corazón da Mariña Lucense.
As prazas son limitadas e os prezos oscilan entre 5 euros para a inscrición individual, 9 euros para parellas e 15 euros para grupos. O importe inclúe a visita guiada e os seguros de responsabilidade civil e accidentes.