Ribadeo destinará á campaña das Panchas deste ano 85.000 euros

AMariñaXa
Tamén van a firmar un convenio de colaboración coa Dirección Xeral de Comercio de 50.000 euros
Dani-Vega
Dani-Vega
10 Xul 2024

O Concello de Ribadeo destinará á campaña das Panchas deste ano 85.000 euros. Este será un dos asuntos que se abordarán no pleno do vindeiro martes, 16 de xullo, así coma nome que recibirá o miradoiro inaugurado hai unhas semanas preto do Forte de San Damián. “Celebramos a comisión de Facenda e de Asuntos Xerais, onde abordamos varios asuntos: o primeiro deles, o Plan Estratéxico de Subvencións, co cal vamos aprobar as Panchas en tempo e forma para que entre canto antes esa colaboración económica con todo o comercio local”, explica o rexedor.

Trátase dun apoio moi importante.” Ata o de agora tíñamos un presuposto de 50.000 euros e agora vamos incrementar 15.000 euros. En consecuencia vamos dotar dunha subvención ao comercio para que todo o mundo poida consumir e apoiar ao comercio local de 65.000 euros”. Tamén van a firmar un convenio de colaboración coa Dirección Xeral de Comercio de 50.000 euros, do cal van destinar 20.000 euros a Panchas. Polo tanto terá un presuposto de 85.000 euros, “que é moi importante porque é fundamental apoiar ano tras ano con esta colaboración importante de financiamento como son as Panchas. Queremos empezar canto antes e por iso vamos levalo a pleno o próximo martes”.

Tamén analizarán o convenio coa Secretaría de Estado en materia de seguridade. “Queremos un pobo que estea dentro dos marcos de seguridade establecidos polo Ministerio e este convenio é un paso adiante”. Vega contou que “ao miradoiro que hai moi poucos días inaugurábamos e que financiou Costas queremos poñerlle un nome, e que mellor que dedicarllo ao pobo irmán de Loctudy, co que estamos irmandados”.

Os días 11, 12, 13, 14 e 15 vai vir a Ribadeo unha representación de Loctudy e “vamos ter visitas para ensinarlles o noso pobo e tamén actos institucionais, un deles vai ser cando inauguremos ese miradoiro con ese nome de Loctudy e tamén un acto institucional na casa consistorial”. O último punto que aprobaron nesta comisión foi o cuarto Plan de Igualdade. “Xa foi aprobado en comisión e esperemos aprobalo tamén en pleno. Polo tanto foi unha comisión e será un próximo pleno ricos en temas. Así seguimos traballando e xestionando para Ribadeo”.

0.17626786231995