Ribadeo desprega unha intensa programación cultural na primavera con propostas en todos os ámbitos

O Concello de Ribadeo vén de presentar a súa programación cultural de primavera, unha proposta ampla que reúne máis de trinta actividades ao longo dos meses de abril, maio e xuño. A iniciativa busca consolidar unha oferta variada e accesible, dirixida a públicos de todas as idades e repartida por diferentes espazos do municipio.

A concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo, destacou que esta axenda “reflicte o compromiso do Concello cunha cultura diversa, de calidade e aberta á participación cidadá”, subliñando ademais o traballo conxunto co tecido asociativo e creativo local.
Se abril serviu como punto de partida con citas como o Festival de Jazz ou diversas actividades escénicas e expositivas, o mes de maio chega cunha programación especialmente dinámica. Durante estas semanas sucederanse propostas musicais como o Vendaval Fest, espectáculos de maxia e teatro en distintos puntos do municipio, así como presentacións literarias e encontros culturais na Biblioteca El Viejo Pancho. Tamén haberá espazo para iniciativas ao aire libre, como Letras no Campo, que levan a cultura a contornas abertas e fomentan a participación da veciñanza.
En xuño, a actividade cultural manterá o seu ritmo con eventos xa consolidados no calendario local. Entre eles destaca a VI edición de Ribadeo Ilustrado, que reunirá a creadores e público arredor do mundo da ilustración. Ademais, continuarán os seráns de teatro en varias parroquias, propostas musicais e actividades para o público infantil, así como celebracións de carácter social como o Día do Orgullo.
A edil ribadense puxo en valor o papel dos espazos culturais municipais, como o Auditorio Hernán Naval, a Biblioteca ou o Cine Teatro, que acollen boa parte da programación, xunto con outros escenarios ao aire libre. “Queremos que a cultura chegue a todos os recunchos do concello e que forme parte da vida diaria da veciñanza”, sinalou.
A programación está dispoñible tanto en formato físico en distintos puntos do municipio como en versión dixital a través das canles oficiais. Desde a Concellería de Cultura animan a participar activamente nunha axenda que, segundo destacan, contribúe non só ao lecer, senón tamén á cohesión social e á identidade local.