Ribadeo despide o verán cun Guateque inspirado nos anos 60 e 70

Ribadeo volverá viaxar varias décadas atrás para poñer o broche ao verán cunha nova edición do seu tradicional Guateque. A cita será este sábado, 29 de agosto, a partir das 20.00 horas no Parque de San Francisco, que se encherá de música e estética inspiradas nos anos 60 e 70.
A iniciativa está organizada pola Comisión do Carnaval e o Concello de Ribadeo, coa colaboración de diferentes persoas e colectivos. Ademais do seu carácter festivo, a celebración terá unha vertente solidaria co Entroido local, xa que todo o diñeiro recadado durante a xornada se destinará aos preparativos do Carnaval de 2027.
A concelleira de Comercio e Turismo, Marta Saiz, explicou que a organización está ultimando os detalles dunha festa na que soarán algúns dos grandes éxitos musicais das décadas dos 60 e 70. A partir das 20.00 horas tamén haberá postos de comida con propostas como empanada e tortilla a prezos populares.
Un dos principais atractivos do Guateque volverá ser a ambientación. Desde a organización animan tanto á veciñanza como aos visitantes a acudir caracterizados para contribuír a recrear a estética da época. "Remata o verán e chega o momento de sacar dos armarios eses pantalóns de campá, vestidos de flores, gafas xigantescas e os tupés para mergullarnos por completo na estética desa década", sinalou Saiz.
Sen botellón no parque e no Cantón
O Concello tamén fai un chamamento ao civismo durante o desenvolvemento da celebración. Co obxectivo de preservar a limpeza, a orde e o bo estado dos espazos públicos, non estará permitido realizar botellón nin no Parque de San Francisco nin na zona do Cantón.
Saiz incidiu na necesidade de "manter un comportamento cívico e coidando o entorno" durante unha festa que cada ano reúne residentes e visitantes no centro da vila.
A concelleira convidou a participar nunha xornada que servirá tanto para despedir a tempada estival como para colaborar coa próxima edición do Carnaval ribadense. "Os prezos serán populares e todo o recadado irá directamente á organización do Carnaval 2027", destacou.
O Guateque converterase así nunha das últimas citas festivas do verán en Ribadeo, cunha proposta que mesturará música, gastronomía, disfraces e nostalxia no Parque de San Francisco.