Ribadeo dará mañá a benvida ao Nadal co acendido das luces no Parque de San Francisco

Ribadeo dará mañá, venres 27 de novembro, o pistoletazo de saída á programación do Nadal co acendido do alumeado festivo, que terá lugar ás 19:00 horas no Parque de San Francisco, xunto á bola decorativa instalada neste espazo. A celebración servirá para inaugurar oficialmente unha programación que combinará tradición, cultura, propostas de ocio e actividades dirixidas a públicos de todas as idades.
A concelleira de Turismo e Comercio, Marta Saiz, destacou a chegada dunha época marcada pola ilusión, a celebración e os encontros familiares e sociais. Segundo explicou, o Concello preparou un calendario de actividades pensado tanto para maiores como para pequenos, co obxectivo de converter Ribadeo nun escenario especialmente atractivo durante estas semanas e, ao mesmo tempo, favorecer a actividade do comercio e da hostalería local.
A programación incluirá propostas xa habituais nestas datas, como a pista de xeo e Ribaxogo, ademais do Mercado do Nadal, que volverá ofrecer un espazo para artesáns e produtores, combinando produtos, ambientación e diferentes atractivos propios destas celebracións. Entre as novidades deste ano figura tamén o primeiro encontro de asociacións, unha iniciativa destinada a dar protagonismo ao tecido asociativo da vila e visibilizar o traballo que desenvolven durante todo o ano colectivos culturais, deportivos e sociais.
O calendario contará igualmente con Gastropraza, obradoiros para a cativada, actuacións musicais e diferentes actividades que se sucederán ao longo das próximas semanas. A chegada de Papá Noel en moto, prevista para o día 19, e a tradicional cabalgata de Reis serán outras das citas destacadas.
Saiz quixo agradecer especialmente a colaboración de Acisa e das diferentes asociacións ribadenses, destacando o traballo conxunto que realizan durante todo o ano e a contribución desinteresada dos colectivos para enriquecer a vida da localidade.
A edil tamén animou á veciñanza e ás persoas que visiten Ribadeo a apostar polo comercio e a hostalería de proximidade durante estas festas. Neste sentido, lembrou o papel da pancha, a moeda local, e reivindicou a importancia de consumir nos establecementos da vila, participar nas actividades e contribuír a manter un Ribadeo activo, acolledor e con futuro.
A programación cultural tamén terá un peso importante durante estas festas. A concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo, explicou que as propostas abarcarán diferentes disciplinas e estarán destinadas a públicos diversos, con música, teatro, actividades infantís e espectáculos de rúa.
A música estará presente desde o propio acto de acendido, coa actuación de Ribadeo Canta ó Nadal. O Coro do Sagrado Corazón participará na apertura do Mercado do Nadal e tamén ofrecerá actuacións noutras citas do calendario. As panxoliñas poderán escoitarse o día 22 na igrexa e volverán ás rúas o 3 de xaneiro. A Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) sumará as súas actuacións os días 12 e 19, mentres que as persoas maiores poderán gozar das propostas do Argadelo e do Coro do Sagrado Corazón.
A oferta musical completarase cun concerto de Nadal da Xove Orquestra de Lugo e coa actuación de Reis da Agrupación Musical Albéniz de pulso e púa.
No ámbito teatral, Ítaca representará 'Profetas' o día 13 no auditorio, mentres que tamén se desenvolverán propostas de microteatro na rúa. Os máis pequenos terán numerosas alternativas, entre elas o cine de Nadal, Ribaxogo e a pista de xeo, actividades que, como lembrou Sanjurjo, tamén están pensadas para aqueles adultos que conservan o espírito infantil.
Os Bolechas chegarán o 3 de xaneiro co espectáculo 'Tizón do Nadal'. Ademais, o desfile de Papá Noel percorrerá Ribadeo o día 24 e, o 5 de xaneiro, a vila recibirá ás Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente, nunha das noites máis esperadas do calendario festivo.