Ribadeo culmina os trámites para licitar o servizo da auga e expropiar a Casa Maseda

O Concello de Ribadeo celebra esta tarde un pleno no que se pecharán dous procesos administrativos de gran relevancia para o futuro do municipio: a licitación do servizo de abastecemento de auga potable e a declaración de expropiación da Casa Maseda.
O alcalde, Dani Vega, explicou que “estamos diante dunha sesión plenaria na que tratamos cuestións clave para Ribadeo. Ao longo deste ano e pico de mandato, os plenos municipais abordaron asuntos fundamentais que levaban demasiado tempo paralizados, debido á complexidade da tramitación burocrática”.
Vega destacou especialmente o paso definitivo para sacar a concurso o servizo da auga, incluíndo a rede de saneamento e a depuración de augas residuais: “Hoxe culmina un longo camiño administrativo que nos permite licitar este servizo esencial. Pero non nos quedamos aí: conseguimos tamén un convenio coa Xunta de Galicia, a través de Augas de Galicia, por valor de 7,5 millóns de euros, dentro dunha obra total de 8,5 millóns para renovar a rede de abastecemento”.
O rexedor defendeu a importancia destes avances: “Os servizos públicos son a base para construír un pobo moderno. Se queremos atraer vivenda e industria, precisamos unha rede de auga eficiente, sen constantes avarías. Con este paso damos estabilidade e aseguramos unha xestión eficaz por parte dunha empresa especializada”.
No mesmo pleno, abordarase tamén o remate da tramitación para expropiar a Casa Maseda, un edificio histórico en estado de abandono. “Tras un ano de xestión, resolvéronse as alegacións presentadas e agora declaramos oficialmente a súa expropiación, instando á Xunta a proceder á ocupación urxente do inmoble”, detallou o alcalde.
Vega sinalou que a intención do goberno local é recuperar este espazo con fins públicos: “Queremos que a Casa Maseda sexa un lugar de utilidade social, como oficina de turismo, punto de información ao peregrino ou sede da marca Galicia Calidade. Está situada nun lugar estratéxico e ten un importante valor patrimonial que debe estar ao servizo da cidadanía”.
O mandatario rematou valorando o esforzo administrativo que supón sacar adiante estes proxectos: “Son cuestións lentas e complexas, pero necesarias. Hoxe pechamos dous procesos importantes que nos permiten seguir avanzando cara ao Ribadeo que queremos: máis moderno, máis funcional e ao servizo da xente”.