Ribadeo convértese no epicentro do baloncesto xuvenil internacional coa visita de catro seleccións nacionais

O Concello de Ribadeo acollerá entre os días 20 e 22 de xuño unha cita deportiva de primeiro nivel coa celebración do Torneo Internacional de Baloncesto U18, no que participarán as seleccións nacionais de España, Portugal, Hungría e Polonia.
O presidente do Club Baloncesto Ría de Ribadeo, José Ramón Vázquez, destacou a importancia do evento subliñando que se trata dunha competición “de máximo nivel, con seleccións nacionais en pista”. Xa se atopa na vila a selección española sub 18, que está a realizar a súa preparación para o Campionato de Europa e que vén de acadar o terceiro posto no Mundial da tempada pasada. “É unha xeración impresionante e van competir neste torneo fronte a Portugal, Hungría e Polonia”, indicou Vázquez.
Desde o club animan a toda a veciñanza a achegarse ao pavillón para desfrutar do espectáculo: “é algo máis que deporte; será un auténtico espectáculo. Convidamos tanto aos amantes do baloncesto como aos que non o son, porque ver xogar á selección española nunhas instalacións como estas é unha oportunidade única. Que veñan, que o vivan e que animen desde a bancada”.
Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, salientou o orgullo que supón para Ribadeo ser sede deste tipo de encontros internacionais: “para nós é unha honra acoller a concentración das seleccións sub 17 e sub 18 e contar cun torneo deste calibre. É o segundo ano consecutivo que se organiza e seguiremos dándolle apoio, porque dinamiza tanto o deporte como a economía local”.
Silvent tamén destacou o crecemento da práctica do baloncesto na vila e expresou o compromiso do Concello de seguir impulsando eventos deportivos: “cada vez son máis os nenos e nenas que se anotan tanto a baloncesto como a fútbol. Queremos seguir abrindo as portas do pavillón a todos eles, porque o deporte é saúde e transmite valores fundamentais día a día, especialmente con adestradores coma José Ramón ao fronte”.
Durante a mañá deste luns, o Pavillón de Deportes ribadense acolleu un encontro amigable entre as seleccións femininas sub 17 e sub 18 de España, ao que asistiu alumnado do colexio Sagrado Corazón. Mañá, os rapaces e rapazas do CEIP Gregorio Sanz tamén poderán gozar doutro partido, no marco desta semana deportiva que promete converter a Ribadeo nun referente do baloncesto xuvenil.