Ribadeo converterase este sábado no epicentro do boxeo cunha gran velada deportiva

Ribadeo vivirá este sábado, 7 de febreiro, unha intensa xornada dedicada ao boxeo coa celebración de RibadeoBox I, unha velada que reunirá sobre o ring tanto a deportistas profesionais como amateurs, ademais de destacadas lendas desta disciplina. O evento desenvolverase no pavillón municipal a partir das 19.00 horas e promete atraer a afeccionados chegados de distintos puntos da comarca.
Segundo informou a organización, o programa inclúe un combate profesional composto por seis asaltos de tres minutos, así como seis enfrontamentos amateurs, nos que se disputará tamén o Trofeo RibadeoBox. A cita contará, ademais, coa presenza de nomes recoñecidos do mundo do boxeo, como Nino, Javier Castillejos, Rigo Álvarez —adestrador do campión mundial Canelo Álvarez—, Alfredo Evangelista e Berdonce, que asistirán como convidados especiais.
As entradas xa están dispoñibles en varios establecementos da vila. O prezo é de 15 euros para as cadeiras situadas a pé de ring, 12 euros para as localidades en grada e 150 euros para a opción VIP, que inclúe mesa con cinco cadeiras. Os puntos de venda habilitados son Origen, El Cortello e o Hotel Bouza.
O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, destacou a relevancia desta iniciativa e subliñou que “os amantes do boxeo teñen unha cita ineludible este sábado en Ribadeo cunha velada que combina combates profesionais e amateurs, convertendo a vila nun referente deportivo por un día”.