Ribadeo volverá converterse no epicentro da curtometraxe coa quinta edición do Festival de Cine Curto Ollo de Boi

Ribadeo converterase desde este xoves, 6 de agosto, e ata o sábado, 8 de agosto, nun punto de encontro para os amantes do audiovisual coa celebración da quinta edición do Festival de Cine Curto Ollo de Boi.
O certame, organizado pola asociación Areas Movedizas e apoiado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, combinará durante tres xornadas proxeccións de curtametraxes, actuacións musicais e a tradicional gala de entrega de premios.
A programación arrancará o xoves 6 de agosto no Parque de San Francisco cunha sesión ao aire libre que comezará ás 20.00 horas. Nela poderán verse as curtametraxes gañadoras das catro edicións anteriores: Una historia azul, de Mónica Arnanz; Nena, de Xosé A. Touriñán e Jairo Iglesias; Esto no es Noruega, de Paco Cavero e Alicia Albares; e Monstera, de Diego R. Aballe. A xornada completarase ás 21.30 horas cun concerto de O Xoán, o proxecto musical do actor chairego Xoán Fórneas, recoñecido cun Premio Mestre Mateo pola súa interpretación de Castelao en Antes de Nós.
O venres 7 de agosto a actividade trasladarase ao Cine Ribadeo. Antes das proxeccións haberá un photocall con Prodo Rúa e, a partir das 20.00 horas, exhibiranse as oito curtametraxes seleccionadas para a sección competitiva. As producións, procedentes de Galicia e Asturias e con presenza destacada noutros festivais estatais, competirán tanto polo Premio do Xurado Profesional como polo Premio do Público.
A clausura terá lugar o sábado 8 de agosto no Teatro de Ribadeo. Tras un novo photocall previo, ás 20.00 horas celebrarase a gala final, presentada por Fabián Pérez e coa participación de Xoán Fórneas como padriño desta edición. Durante o acto daranse a coñecer as obras premiadas e a Coral Polifónica de Ribadeo ofrecerá un concerto de bandas sonoras que servirá de peche ao festival.
Unha das características máis singulares do Ollo de Boi é a implicación directa do público na elección da curtametraxe gañadora, xa que serán os asistentes quen decidan parte do palmarés a través das súas votacións. Ademais, todas as actividades serán de balde, coa finalidade de achegar o cinema e a creación audiovisual ao conxunto da cidadanía.
A deputada de Cultura, Iria Castro, destacou o valor deste tipo de iniciativas para fortalecer o sector audiovisual galego e favorecer a difusión de obras que habitualmente non teñen presenza nos circuítos comerciais convencionais. A responsable provincial subliñou que propostas como o Festival Ollo de Boi contribúen a achegar ao público a creación audiovisual propia e a consolidar espazos de exhibición para as curtametraxes.