Ribadeo converterase en epicentro do baloncesto base co Campus The Basket Dream

O Ribadeo acollerá do 22 ao 27 de xuño unha nova edición do Campus de Tecnificación de Baloncesto The Basket Dream, unha proposta formativa dirixida a nenos, nenas e adolescentes de entre 6 e 18 anos que buscan perfeccionar a súa técnica e medrar no ámbito deportivo.
A actividade está organizada por Élite Sports Academy, The Basket Dream e o CB Ría de Ribadeo, contando coa colaboración do Concello ribadense, Caja Rural de Asturias e Tukán.
O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, destacou que esta cita deportiva supón o regreso dun campus que xa deixou pegada en edicións anteriores. Segundo explicou, os participantes terán a oportunidade de adestrar con técnicos profesionais procedentes de diferentes ligas, tanto femininas como masculinas, o que garante unha formación especializada e de calidade.
Silvent subliñou que Ribadeo conta cunha longa tradición vencellada ao baloncesto e que iniciativas como esta reforzan esa identidade deportiva. “Aquí vívese e respírase baloncesto”, apuntou, ao tempo que animou ás familias a formalizar a inscrición, xa aberta a través da páxina web oficial do campus.
Durante seis xornadas intensivas, os asistentes combinarán preparación técnica, traballo físico e convivencia, nun ambiente pensado para fomentar valores como o compañeirismo, o esforzo e a superación persoal. O campus consolídase así como unha das citas deportivas destacadas do verán na vila.