Ribadeo converterá a Praza de Abastos nun punto de encontro arredor da economía social

AMariñaXa
A iniciativa combinará mesas de debate, formación, actividades e música para divulgar modelos de emprendemento baseados na cooperación e na participación
foro-economia-social-ribadeo
10 Sep 2026

A Praza de Abastos de Ribadeo acollerá os días 19 e 20 de setembro o Foro de Economía Social, unha iniciativa coa que se pretende achegar á cidadanía novas fórmulas de emprendemento colectivo e crear un espazo para compartir experiencias entre empresas, profesionais, entidades e persoas emprendedoras.

A programación desenvolverase durante toda a fin de semana e combinará debate, formación, actividades e música, vinculando a economía social coa actividade comercial e coa dinamización do mercado local.

A concelleira de Comercio, Marta Saiz, explica que a elección da Praza de Abastos responde á súa estreita relación coa actividade económica do municipio. O obxectivo, sinala, é "achegar á cidadanía os valores e as oportunidades da economía social, poñer en valor o emprendemento colectivo e favorecer o intercambio de experiencias e coñecementos".

DEBATE E EXPERIENCIAS

A primeira xornada terá lugar o sábado 19 de setembro e estará centrada propiamente no Foro de Economía Social. Ao longo do día celebraranse mesas redondas coa participación de especialistas e diferentes actividades para dar a coñecer as posibilidades deste modelo como ferramenta para impulsar o desenvolvemento económico, crear emprego e contribuír á dinamización do territorio.

A proposta buscará especialmente visibilizar iniciativas empresariais sustentadas na cooperación, a participación e o retorno social, ademais de achegar estas alternativas ás persoas que estudan emprender un proxecto, ás empresas, asociacións, entidades sociais e profesionais.

O domingo 20, o Foro conectarase co Mercado dos Domingos, incorporando actividades de dinamización e actuacións musicais. Deste xeito, a organización pretende relacionar os principios da economía social coa realidade comercial e coa vida económica e social de Ribadeo.

"O Foro pretende ser un punto de encontro e intercambio, no que diferentes axentes poidan compartir experiencias e reflexionar sobre novas formas de producir, traballar, emprender e xerar riqueza desde unha perspectiva máis próxima, colaborativa e sostible", destaca Saiz.

A iniciativa forma parte das actuacións que desenvolve o Concello de Ribadeo no marco da Rede Eusumo, orientadas a promover o cooperativismo e a economía social e favorecer a implantación destes modelos no ámbito local. Conta coa colaboración do Goberno autonómico, a Rede Eusumo, o Ministerio de Traballo e Economía Social e o Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE).

As inscricións xa están abertas a través da plataforma habilitada para o encontro. Desde o Concello animan a participar a empresas, persoas emprendedoras, profesionais, asociacións, entidades da economía social e cidadanía interesada.

0.15333414077759