Ribadeo continúa a homenaxe a Leopoldo Calvo-Sotelo cunha mesa redonda e unha exposición fotográfica

AMariñaXa
Os actos do centenario do expresidente do Goberno incluirán este sábado un encontro con historiadores e unha mostra ao aire libre na praza Pancho Maseda
calvo-sotelo-ribadeo
16 Jul 2026

As actividades organizadas en Ribadeo para conmemorar o centenario do nacemento de Leopoldo Calvo-Sotelo continuarán este sábado, 18 de xullo, cunha nova xornada dedicada a afondar na figura do expresidente do Goberno a través da reflexión histórica e da divulgación da súa traxectoria persoal e institucional.

A programación arrancará ás 11.30 horas no Salón dos Alcaldes da Casa do Concello cunha mesa redonda moderada por Leopoldo Calvo-Sotelo Ibáñez-Martín, fillo do expresidente. No encontro participarán os catedráticos de Historia Contemporánea José Vidal Pelaz López, da Universidade de Valladolid, e Pablo Pérez López, da Universidade de Navarra, autores do libro Consolidar la Democracia, el gobierno de Leopoldo Calvo-Sotelo. Xunto a eles estará tamén Jorge Lafuente, profesor de Historia e Institucións Económicas da Universidade de Valladolid.

A segunda cita da xornada terá lugar ás 13.30 horas na praza Pancho Maseda, onde se inaugurará unha exposición fotográfica que permanecerá instalada durante todo o verán. A mostra reúne unha selección de imaxes elixidas pola familia de Leopoldo Calvo-Sotelo co obxectivo de ofrecer unha visión das diferentes etapas da súa vida, tanto no ámbito político como no persoal.

A presentación da exposición correrá a cargo de Pilar Calvo-Sotelo Ibáñez-Martín e o acto concluirá cunha actuación musical protagonizada por profesorado da Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo.

Estas iniciativas forman parte do programa conmemorativo impulsado polo Concello ao longo deste ano. A celebración do centenario comezou o pasado 14 de abril cunha ofrenda floral no cemiterio municipal e un pleno extraordinario no que a corporación declarou 2026 como o Ano de Leopoldo Calvo-Sotelo, unha efeméride coa que Ribadeo pretende lembrar e divulgar a figura dunha das personalidades máis destacadas da súa historia recente.

0.12177705764771