Ribadeo contará cun orzamento de 12,3 millóns de euros en 2024 que destacan polo seu "carácter social"

AMariñaXa
No pleno extraordinario celebrado onte no Concello de Ribadeo foron aprobados os orzamentos de 2022 que ascenden a case 10 millóns de euros
Pleno concello ribadeo orzamentos 2023
29 Nov 2023

Ribadeo contará cun orzamento de 12,3 millóns de euros en 2024. O alcalde, Dani Vega, subliñou que "é o máis alto da historia do Concello ribadense e que son tamén os presupostos máis sociais".

Vega explicou que “a inversión increméntase e chega a 1,7 millóns de euros, que son 600.000 euros máis que en 2023. Tamén traballamos durante estes meses para mellorar as condicións de todos os traballadores e así o negociamos con todos os sindicatos. A todos lles quero dar as grazas polo traballo e pola dedicación e nosoutros cumprimos en so cinco meses con vellas demandas ás que non se daba resposta. Vai haber dous técnicos administrativos máis da administración xeral, tamén un chófer para a desbrozadora e os socorristas, técnicos en emerxencias sanitarias e técnicos de limpeza de praias van traballar tres meses. Esta era unha vella reivindicación, coa que este goberno cumpriu e deu unha resposta”.

O alcalde dixo que “tamén queremos  un Ribadeo máis social. Nas subvencións nominativas pasamos de 11.000 euros  a preto de 15.000 euros para os colectivos que están a traballar coas persoas. Incorporamos á Cruz Vermella, que nestas subvencións nominativas non estaba”.

Daniel Vega subliñou que “para a licitación do SAF imos aprobar unha cantidade de 1,6 millóns de euros. Para o hospital asilo, onde estamos a realizar a reforma integral, tamén van 1,6 millóns de euros. E imos xa comprar os terreos para o centro de saúde, iso é un compromiso absoluto e total, por un valor de 250.000 euros. No centro de día neste momento estamos a investir 20.000 euros e imos incrementar esa cantidade ata 50.000 euros máis no 2024. Nas actividades de Preto de Ti, que se están a realizar por todas as parroquias a Xunta de Galicia investirá 40.000 euros e nós achegaremos 10.000 euros.  E á residencia de maiores destinamos 20.000 euros. Son 3,5 millóns de euros os que van destinados a benestar social no 2024. É a partida máis grande destinada a este fin da historia de Ribadeo”.

O rexedor manifestou que “queremos un Ribadeo mais rural e por iso aprobamos o Plan Único dotado con  356.000 euros e tamén contaremos cun novo plan de infraestruturas, en colaboración coa Xunta, que estará dotado con 350.000 euros  mais o plan do Agader con 95.000 euros. E para a mellora das contornas significativas das parroquias van 120.000 euros. Tamén queremos un Ribadeo mais sostible. Ao parque de San Francisco destinamos 200.000 euros e para o parque de Indianos 50.000 euros. E no plan de recollida de lixo imos investir 600.000 euros. Ese Ribadeo máis sostible tamén vai ser un Ribadeo máis limpo e máis verde. E imos mellorar o edificio do Viejo Pancho no que investiremos 50.000 euros e nas instalacións da Policía Local máis de 60.000 euros”.

Vega destacou que “son uns orzamentos moi importantes para Ribadeo os de 2024. Son 12,3 millóns de euros, os máis altos da historia de Ribadeo. Acredítase unha xestión e unha colaboración coas distintas administracións. Hai que destacar a da Xunta de Galicia e a da Deputación, esperemos que invistan mais durante este ano, e tamén se acredita que somos rigorosos e estritos nas contas, onde aprobaremos en tempo e forma estes orzamentos, que son froito do traballo conxunto entre os técnicos e o equipo de goberno municipal”.

0.18167400360107