Ribadeo contará cun novo ámbito residencial para construír 300 vivendas, a maioría protexidas

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), publicou no Diario Oficial de Galicia a delimitación dun novo ámbito en Ribadeo destinado ao desenvolvemento de solo residencial. Neste espazo poderán levantarse ata 300 vivendas, das cales o 80 % estarán suxeitas a algún réxime de protección.
A área aprobada corresponde ao sector SUD-R2 e abrangue unha superficie total de 7,6 hectáreas. O ámbito queda delimitado pola avenida de Ribadeo e terreos urbanos ao norte; un viario municipal e parcelas ao sur; o camiño de Reverte a Vilar e solo urbano ao leste; e outro viario municipal con parcelas ao oeste.
A resolución supón a declaración de interese autonómico da actuación, paso imprescindible para avanzar na tramitación do Proxecto de Interese Autonómico (PIA). Este instrumento permitirá ordenar e planificar o desenvolvemento do solo co obxectivo de ampliar a oferta de vivenda, especialmente a prezos accesibles.
Desde a Xunta sinalan que os límites establecidos poderán axustarse durante a redacción técnica do proxecto, se así o requiren cuestións urbanísticas ou técnicas, modificacións que serán comunicadas ao Concello.
Este será o primeiro PIA que se impulsa na comarca da Mariña lucense e intégrase na Estratexia Galega de Solo Residencial, que xa conta con once actuacións en diferentes cidades galegas. O seguinte trámite será a licitación do contrato para redactar o proxecto que definirá en detalle a ordenación do novo barrio.