Ribadeo consolídase como destino turístico

AMariñaXa
Reafirma a súa posición como un dos destinos turísticos máis destacados tras recibir preto de 46.000 visitantes nas súas oficinas de turismo entre o 1 de xuño e o 31 de agosto.
playa-catedrales-turistas
2 sep 2024

Ribadeo reafirma a súa posición como un dos destinos turísticos máis destacados tras recibir preto de 46.000 visitantes nas súas oficinas de turismo entre o 1 de xuño e o 31 de agosto. Así o anunciou a concelleira de Turismo, Marta Saiz, quen fixo un balance moi positivo da tempada estival, destacando o aumento das pernoctas e a crecente afluencia de turismo internacional.

A edil destacou que o mes de agosto foi especialmente significativo, con cifras récord nas oficinas de turismo. En total, realizáronse 25.750 consultas, das cales 9.750 foron atendidas na oficina do centro da vila e 16.000 no punto de información da praia das Catedrais. “O aumento das pernoctas no concello é un dos datos máis salientables deste verán,” afirmou Saiz, quen subliñou que o 37 % dos visitantes elixiron pasar a noite en Ribadeo, unha cifra 7 puntos superior á do ano pasado. “En agosto, os nosos aloxamentos acadaron un 95% de ocupación,” engadiu a concelleira, resaltando o éxito da tempada turística.

En canto á procedencia dos turistas, Saiz indicou que Madrid, Cataluña, Andalucía, Comunidade Valenciana e Euskadi seguen a ser as principais rexións emisoras de visitantes en España. No ámbito internacional, o turismo tamén experimentou un crecemento notable, especialmente nas oficinas da praia das Catedrais, onde se rexistrou un aumento de 5 puntos con respecto ao ano pasado. Francia, Italia, Alemaña, Portugal, Estados Unidos e Reino Unido son os principais países de orixe.

Ademais, a concelleira destacou a importancia do turismo náutico, con 183 embarcacións utilizando os amarres de tránsito do Real Club Naútico de Ribadeo en agosto, das cales o 80% procedían de Francia, Inglaterra e Holanda. Tamén salientou o interese en aumento polo Camiño de Santiago do norte e a variante do Camiño do Mar, que trouxo ao centro de Ribadeo preto de 300 peregrinos. Marta Saiz aproveitou para agradecer o traballo do persoal das oficinas de turismo e o esforzo do sector privado, cuxo labor foi crucial para converter Ribadeo nun destino turístico de vangarda.

0.14125895500183