Ribadeo celebrará San Roque con dúas xornadas de tradición, música e festa

Ribadeo xa ten preparado o programa das Festas de San Roque 2026, que se desenvolverán os días 15 e 16 de agosto cunha combinación de tradición relixiosa, música en directo e actividades populares pensadas para reunir á veciñanza e aos visitantes.
A programación arrancará o sábado 15 de agosto cunha gran verbena nocturna que dará comezo ás 23.00 horas. A festa contará coa actuación do Dúo Xilo & Carlos, ademais da animación musical de The Sound Project e do DJ Traka, que prolongarán a celebración ata ben entrada a madrugada.
O domingo 16, festividade de San Roque, abrirase coa tradicional tirada de bombas de palenque ás 10.00 horas. Unha hora despois, os protagonistas serán os cabezudos, que percorrerán as rúas acompañados polo cuarteto tradicional Illa Pancha.
Ás 12.00 horas celebrarase a misa solemne seguida da procesión na honra do santo. Ao remate dos actos litúrxicos, a Banda Municipal de Ribadeo ofrecerá un concerto.
A programación continuará ás 14.00 horas coa sesión vermú amenizada polo Dúo Venus. Xa pola tarde, ás 18.30 horas, actuará o grupo Untopic, mentres que ás 20.45 horas será a quenda do recoñecido gaiteiro Carlos Núñez, que ofrecerá un concerto na igrexa parroquial.
As festas despediranse cunha nova verbena a partir das 23.00 horas, protagonizada polo Dúo Venus e o grupo En Punto, antes dun fin de festa no que volverá soar a música de The Sound Project xunto ao DJ Etainer.