Ribadeo celebrará o seu primeiro Foro Alzheimer cunha xornada centrada no apoio ás familias e ás persoas coidadoras

A Área de Benestar Social, Saúde e Familia do Concello de Ribadeo organizará o próximo 30 de maio a primeira edición do Foro Alzheimer de Ribadeo, unha iniciativa que nace coa intención de crear un espazo de información, sensibilización e acompañamento para persoas afectadas por esta enfermidade e para as súas familias.
A xornada desenvolverase no Salón de Alcaldes do Concello en horario de 10:00 a 19:00 horas e contará coa colaboración da Xunta de Galicia, así como das asociacións AFALU Lugo e AFÁN Burela, entidades especializadas no apoio ás persoas con alzheimer e outras demencias.
O programa combinará relatorios, mesas de diálogo e actividades prácticas orientadas tanto ás persoas coidadoras como á cidadanía en xeral, abordando diferentes aspectos relacionados coa enfermidade e co impacto que ten na vida diaria das familias.
Entre as intervencións previstas figura a participación da doutora Malfeito, xefa do servizo de Xeriatría do HULA, que ofrecerá unha conferencia centrada na situación actual do alzheimer e nos principais desafíos sanitarios e sociais vinculados a esta doenza.
Ademais, profesionais da área de psicoloxía de AFALU impartirán sesións orientadas ao acompañamento emocional e ao apoio ás persoas coidadoras, facilitando recursos e estratexias para afrontar o día a día das familias afectadas.
O foro incluirá tamén unha mesa redonda na que familiares compartirán as súas experiencias persoais e vivencias arredor da enfermidade, así como un taller corporal e de respiración guiado por Lucía Erice, do Carboeiro. Durante toda a xornada haberá ademais un espazo informativo no que as asociacións colaboradoras darán a coñecer servizos, recursos e programas de apoio dispoñibles.
A concelleira de Benestar Social, Saúde e Familia, Elena Sierra, destacou a necesidade de impulsar iniciativas deste tipo ante o aumento da incidencia do alzheimer e doutras demencias, incidindo na importancia de ofrecer ferramentas útiles e espazos seguros de orientación para mellorar a calidade de vida das persoas afectadas e das súas familias.
Pola súa banda, o alcalde de Ribadeo, Daniel Vega, sinalou que este tipo de encontros próximos e accesibles resultan fundamentais para apoiar ás persoas coidadoras e contribuír ao benestar dos maiores.
Desde o Concello animan á veciñanza a participar nesta primeira edición dun foro que nace coa intención de consolidarse no futuro como unha referencia no ámbito da información, da sensibilización e do acompañamento arredor do alzheimer.