Ribadeo celebrará o Día de Rosalía cun xantar de confraternidade

A Agrupación Cultural Francisco Lanza organiza en Ribadeo unha xornada especial para conmemorar o Día de Rosalía de Castro. O acto central será un xantar de confraternidade que se celebrará o sábado 22 de febreiro ás 14:30 horas no Restaurante Costa Verde.
O evento contará coa lectura de "Miña casiña, meu lar", aberta a grandes e pequenos, ademais dunha actuación musical a cargo de Eli G. Bouso e Toño Martínez. No menú destacarase o tradicional caldo de gloria, acompañado de compango e bolo do pote, así como freixós, viños da terra e cafés de ultramar.
Como sobremesa, os asistentes poderán participar nun recital de poemas de Rosalía, onde se anima a levar o propio libro para compartir versos da autora.