Ribadeo celebra o Orgullo cunha xornada festiva marcada pola diversidade e a participación cidadá

Ribadeo viviu este mediodía unha nova celebración do Día do Orgullo LGTBI cunha ampla participación veciñal nas actividades promovidas pola Área de Igualdade. O parque de San Francisco converteuse no principal escenario dunha xornada na que a música, a convivencia e a reivindicación da diversidade compartiron protagonismo.
A programación incluíu unha Festa Holi e unha sesión vermú amenizada pola artista Eris Mackenzie, que congregaron a numerosas persoas nun ambiente festivo e participativo. Ao acto asistiron tamén o alcalde, Dani Vega; as concelleiras de Benestar Social e Igualdade, Elena Sierra e Begoña Sanjurjo; así como a avogada do Centro de Información á Muller, Montse González.
Desde o Concello realizaron unha valoración moi favorable da iniciativa, destacando que as actividades desenvolvidas nas últimas semanas teñen como finalidade reforzar os valores de respecto, convivencia e pluralidade. Neste contexto, lembraron tamén que durante toda a fin de semana a bandeira LGTBI ondeou no Pazo de Ibáñez como símbolo do compromiso institucional coa diversidade.
Un dos momentos destacados da xornada foi a resolución da segunda edición do Concurso de Arte Mural pola Diversidade. O primeiro premio recaeu en Alex Dávila Moure, cuxa proposta será reproducida no ascensor panorámico do paseo marítimo. O segundo galardón foi para Inés Garrán Suárez, mentres que David Rodil Fernández obtivo o terceiro posto.
A Concellería de Igualdade felicitou ás persoas participantes pola calidade dos traballos presentados e destacou a importancia da creación artística como ferramenta para promover a visibilidade e a defensa da diversidade. Ademais, agradeceu a colaboración de entidades, colectivos e establecementos que contribuíron ao desenvolvemento das actividades programadas, entre eles ACISA e os negocios participantes no sorteo Completa a bandeira do Orgullo.
O departamento municipal tamén tivo palabras de recoñecemento para Eris Mackenzie polo concerto ofrecido durante a celebración e para os establecementos que colaboraron cos agasallos repartidos entre o público. Desde a organización subliñaron que continuarán impulsando iniciativas destinadas a favorecer unha sociedade máis aberta, igualitaria e respectuosa, na que todas as persoas poidan expresar libremente a súa identidade.