Ribadeo celebra a XI Feira do Libro con música, teatro, contos e homenaxes

AMariñaXa
"Letras no Campo" enche o Campo de San Francisco de cultura do 23 ao 25 de maio cunha programación diversa para todos os públicos
22 May 2025

Ribadeo prepárase para vivir unha nova edición da súa Feira do Libro, “Letras no Campo”, que este ano acada a súa undécima edición e desenvolverase do 23 ao 25 de maio no Campo de San Francisco. Durante estas tres xornadas, as letras, a música, o teatro e as tradicións galegas convivirán nun espazo pensado para a participación de grandes e pequenos.

O recinto contará con sete casetas de librarías e editoras que poderán visitarse en horario de mañá (de 11:30 a 13:30 h) e de tarde (de 17:00 a 20:30 h). A programación abrangue múltiples actividades, organizadas arredor de varias liñas temáticas.

A concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo, destacou que unha das protagonistas desta edición serán as cantareiras, homenaxeadas este ano no Día das Letras Galegas. O seu legado será lembrado cun concerto didáctico, un obradoiro de reciclaxe, a actuación do grupo Xeitosiñas e a presentación do libro colectivo Somos Cantareiras, prevista para o domingo ás 12:00 horas da mañá.

Outra das apostas da feira será a visibilización do galego de Asturias, cunha lectura teatral titulada Xa somos europeos, que terá lugar o sábado ás 20:00 horas, e coa presentación dun libro sobre a lingua e identidade na zona eonaviega o domingo á mesma hora. Tamén se poderá visitar unha exposición vinculada ao galego asturiano, con fondos da Biblioteca Pública Municipal El Viejo Pancho.

As publicacións locais terán o seu espazo propio. O venres, Carlos Álvarez Lebredo presentará Novas historias ribadenses con pentagramas, mentres que o sábado será a quenda de A vila de Ribadeo: unha praza forte en la costa de Galicia desde la Idade Media, de Alberto Paraje. O mesmo día ás 19:00 h, falarase da Escola de Náutica e Comercio da vila, e o domingo ás 13:00 h renderase homenaxe á escritora Aurora Sampedro.

A feira tamén acollerá actividades pensadas para o público infantil, como os contacontos A cebra Camila e O Lobo Feliz. Ademais, Olga Novo, Premio Nacional de Poesía 2020, será a encargada de dar o pregón, e a clausura correrá a cargo dunha conversa musical titulada O son dun amor que ficou, con Luis Pulpeiro.

Finalmente, o domingo ás 17:30 h farase entrega dos premios da fase local do certame escolar de narración e debuxo das Letras Galegas. “Vémonos nas Letras no Campo”, convidou a edil de Cultura.

0.6396951675415