Ribadeo avanza na mellora da estrada da costa entre Rinlo e A Devesa

O Concello de Ribadeo continúa executando as obras de mellora da estrada da costa no treito comprendido entre Rinlo e A Devesa, unha actuación destinada a modernizar unha infraestrutura moi demandada tanto pola veciñanza como polas persoas que visitan o municipio. O alcalde, Dani Vega, destacou que se trata dun investimento global de 370.000 euros que permite actuar nunha vía “que se atopaba moi deteriorada e practicamente abandonada durante anos”.
Segundo explicou o rexedor, esta intervención dá continuidade ás actuacións realizadas con anterioridade no tramo entre Vilaselán e Rinlo, completando así a renovación progresiva de toda a estrada da costa. Vega subliñou que se trata dunha vía fundamental para a conexión entre parroquias, así como para a comunicación co concello veciño de Barreiros, ademais de ser unha zona cun elevado tráfico, especialmente en época estival.
O alcalde incidiu tamén na importancia da chamada variante de Rinlo, un trazado estratéxico para aliviar a presión do tráfico no núcleo durante os meses de maior afluencia turística. Neste sentido, sinalou que o Concello está a traballar de maneira coordinada coa asociación veciñal para ordenar a circulación e evitar problemas derivados do estacionamento indebido. A actuación inclúe a mellora da variante, da estrada que conecta co aparcadoiro situado ao inicio da vía da costa e do acceso directo desde o porto de Rinlo ata Meirengos.
Para Dani Vega, esta obra supón “un paso decisivo para mellorar infraestruturas que xeran actividade económica e reforzan un dos sectores clave de Ribadeo, como é o turismo”, ao tempo que beneficia o día a día da veciñanza. O rexedor puxo en valor a achega da Xunta de Galicia, que financia 320.000 euros do total, xunto cunha contribución municipal, destacando a importancia da colaboración institucional.
Finalmente, o alcalde amosouse satisfeito co resultado dos traballos e salientou que, en apenas dous anos, toda a estrada da costa desde Vilaselán ata A Devesa quedará completamente acondicionada. “Era unha demanda histórica e hoxe estamos máis preto de contar cunha vía segura, moderna e preparada para veciños e visitantes”, concluíu, asegurando que o Concello seguirá xestionando novos recursos para que Ribadeo continúe avanzando.