Ribadeo asegura o remate do Hospital Asilo cun novo convenio coa Xunta por 320.000 euros

O Concello de Ribadeo recibirá unha achega de 320.000 euros da Xunta de Galicia para completar as obras do Hospital Asilo, grazas ao convenio asinado este mércores polo alcalde, Dani Vega, e a conselleira de Política Social, Fabiola García. O acordo supón un novo impulso a un proxecto estratéxico para o municipio, que entra agora na súa fase final.
Segundo explicou o rexedor, o financiamento permitirá abordar o 13 % da obra que quedaba pendente e iniciar a licitación de servizos clave para o funcionamento do centro, como a lavandería, a cociña e as súas instalacións complementarias. Trátase, segundo destacou, dun paso decisivo para culminar un proxecto que leva anos en execución.
Dani Vega puxo en valor o apoio da Xunta de Galicia, lembrando que estes 320.000 euros se suman aos 700.000 xa achegados con anterioridade pola Administración autonómica. Grazas a este respaldo económico, o Concello de Ribadeo non terá que destinar fondos propios ao remate das obras, un feito que o alcalde cualificou como especialmente relevante para as arcas municipais.
O rexedor tamén se referiu ás dificultades atravesadas nos últimos meses, marcadas polo concurso de acredores presentado pola empresa adxudicataria, que provocou a paralización dos traballos, así como polo incremento xeralizado dos prezos dos materiais. A pesar deste contexto adverso, insistiu en que o proxecto sairá adiante sen custo adicional para o Concello.
Vega lembrou que a quebra da empresa afectou a outras obras en distintos concellos galegos, como A Pontenova, Riotorto ou Guitiriz, polo que Ribadeo non foi un caso illado. Neste sentido, subliñou que o reforzo económico acordado coa Xunta era imprescindible para garantir a continuidade e a conclusión do proxecto do Hospital Asilo.