Ribadeo aforrará máis de 500.000 euros grazas ao novo acordo para financiar o Servizo de Axuda no Fogar

AMariñaXa
O alcalde, Dani Vega, destaca que o pacto entre a Xunta e a Fegamp aliviará a presión económica dos concellos e garante a continuidade dun servizo esencial
261021-Foto-Concello-Ribadeo
25 Jan 2026

O acordo alcanzado entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) terá un impacto moi positivo nas contas municipais de Ribadeo. Así o asegurou o alcalde, Dani Vega, quen valorou o pacto como un paso decisivo para aliviar a carga económica que este servizo supón para os concellos.

Segundo explicou o rexedor, o SAF é unha prestación básica e imprescindible para atender ás persoas máis vulnerables, pero que historicamente vén xerando unha forte presión financeira sobre as administracións locais. “É un servizo que os concellos estamos obrigados a prestar, aínda que non sexa unha competencia municipal directa. A nosa responsabilidade é atender ás persoas, e iso facémolo, pero cun custo moi elevado”, indicou.

Vega lembrou que, ata agora, o financiamento do servizo recaía en tres partes: a achega da Xunta de Galicia, a contribución das persoas usuarias e o esforzo económico do propio Concello. No caso de Ribadeo, esta suma superaba os 800.000 euros anuais, unha contía moi relevante dentro do orzamento municipal. “Era evidente que había que tomar decisións para corrixir esta situación”, apuntou.

O alcalde quixo recoñecer expresamente a vontade de diálogo e acordo por parte da Consellería de Política Social, encabezada por Fabiola García, así como o papel da Fegamp e do seu presidente. Tamén destacou o compromiso do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, por impulsar consensos que repercuten directamente na mellora dos servizos públicos que prestan os concellos. “Cando hai intención real de solucionar problemas, os acordos chegan, e este é un exemplo claro diso”, sinalou.

En termos concretos, Dani Vega detallou que Ribadeo se beneficiará dun aforro progresivo nos vindeiros anos. No exercicio 2026, coa achega da Xunta fixada en 16 euros por hora fronte a un custo real de 21 euros, o Concello aforrará arredor de 144.000 euros. En 2027, coa contribución autonómica incrementada a 17 euros, o aforro ascenderá a uns 180.000 euros, mentres que en 2028, cunha achega de 18 euros, a redución do gasto municipal alcanzará os 216.000 euros.

Para o alcalde, este novo marco financeiro supón “un paso moi importante” para acabar coa asfixia económica que viñan sufrindo os concellos pola prestación do SAF. Ademais, subliñou que o acordo permitirá seguir mellorando o servizo e garantir a súa continuidade con maior estabilidade.

“Cando as cousas se fan ben e hai unha vontade clara de cumprir en beneficio da veciñanza, hai que recoñecelo”, concluíu Vega, quen considerou que este acordo supón un avance histórico moi agardado polos concellos galegos.

⚙ Configurar cookies
0.086004018783569