Ribadeo actúa nas estradas provinciais por seguridade ante a inacción da Deputación

AMariñaXa
O Concello recurrirá o expediente sancionador da Deputación, tras desbrozar e limpar vías abandonadas atendendo ás demandas veciñais
Imaxe da estrada en Ribadeo con innación da Deputación
17 sep 2024

O Concello de Ribadeo anunciou que recorrerá o expediente sancionador emitido pola Deputación tras intervir en estradas de titularidade provincial. Segundo o alcalde, Dani Vega, estas actuacións foron realizadas por motivos de seguridade e en resposta ás demandas veciñais, debido ao abandono das vías por parte da Deputación.

Dani Vega explicou que “a Deputación notificou ao Concello un expediente sancionador porque actuamos desbrozando e limpando as estradas que son da súa competencia. Segundo a lei de réxime local, a Deputación é responsable da limpeza e conservación destes viais, pero non cumpriron coas súas obrigas. Foron os veciños quen nos alertaron do mal estado das estradas, que estaban completamente abandonadas, e tivemos que intervir para garantir a seguridade”.

O alcalde detallou algunhas das zonas afectadas: “actuamos na Devesa, no entorno das praias, e en Arante, onde a herba cubría completamente as estradas, especialmente nas curvas, o que supoñía un risco para viandantes e condutores”. Tamén se levaron a cabo intervencións en Santalla e Cedofeita, onde o Concello foi chamado de madrugada debido a unha inundación provocada pola falta de mantemento das vías. “Limpiamos as cunetas e desbrozamos para evitar que a situación empeorase, e agora atopámonos cun expediente sancionador por facer o traballo que debía facer a Deputación”, lamentou Vega.

O alcalde expresou a súa frustración pola resposta da Deputación, afirmando que “queremos ter unha boa relación institucional, pero non podemos aceptar que se multe a quen fai as cousas ben”. Vega anunciou que o Concello recurrirá a sanción e pedirá á Deputación que reconsidere a súa postura, facendo un chamamento á oposición para unirse en defensa dos intereses de Ribadeo.

Dani Vega concluíu asegurando que o Concello seguirá priorizando a seguridade dos veciños: “seguiremos actuando sempre que sexa necesario para evitar que as estradas sigan abandonadas, porque a protección dos nosos veciños é a nosa prioridade”.

0.18334007263184