Ribadeo acollerá unha nova edición de 'Mar por Medio' para afondar nos valores e na proxección do Camiño

AMariñaXa
O encontro reunirá representantes do ámbito académico, dos medios de comunicación e de asociacións xacobeas e culminará co ingreso na Academia de John Rutherford e Manuel Valín
RIBADEO-xornadas-mar-de-por-medio-2025
Xuntanza preparatoria das XX Xornadas Mar por Medio
24 Sep 2026

Ribadeo converterase os próximos 10 e 11 de outubro nun punto de encontro arredor do Camiño de Santiago coa celebración das XXI Xornadas 'Mar por Medio – Comunicación e proxección dos valores xacobeos', organizadas pola Academia Xacobea.

A nova edición foi presentada no Concello de Ribadeo coa participación do alcalde, Daniel Vega; o presidente da Academia Xacobea, Marcelino Agís Villaverde; a reitora da Universidade de Santiago de Compostela, Rosa Crujeiras; o presidente de honra da Academia, Xesús Palmou; a secretaria xeral, Milagros Otero; e a concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo.

As xornadas volverán poñer o foco na difusión do fenómeno xacobeo e do patrimonio asociado aos Camiños de Santiago, abordando nesta ocasión de maneira especial o papel da comunicación para trasladar estes valores á sociedade.

"Os valores xacobeos conforman a identidade da nosa cultura europea, pero eses valores hai que comunicalos e proxectalos", destacou Marcelino Agís. Precisamente, unha das mesas redondas reunirá responsables de medios de comunicación de Galicia para analizar esta cuestión.

O programa permitirá tamén coñecer diferentes perspectivas sobre o Camiño coa participación de representantes de asociacións xacobeas de Galicia, Asturias e Cantabria. A actividade do sábado contará ademais cunha conferencia de Ricardo Polín, académico correspondente da Academia Xacobea.

Un dos nomes destacados será o de Darío Villanueva, catedrático emérito da USC, exreitor da Universidade compostelá e exdirector da Real Academia Española, encargado de pronunciar a conferencia coa que se pechará a parte académica da xornada do sábado. Posteriormente terá lugar un concerto da Coral Polifónica de Ribadeo.

Pola súa banda, a reitora da USC, Rosa Crujeiras, destacou a oportunidade que ofrece 'Mar por Medio' para levar a actividade universitaria fóra de Santiago. "Somos a Universidade de Santiago, pero tamén a Universidade de Galicia", afirmou, ao tempo que remarcou que "os valores do Camiño son os da USC".

Daniel Vega incidiu na importancia que o Camiño Norte ten para Ribadeo e na necesidade de continuar poñéndoo en valor. "O Camiño Norte atravesa Ribadeo e moitas veces esquecemos que é Patrimonio da Humanidade, cando é algo que debemos reivindicar", sinalou o alcalde.

O rexedor lembrou tamén que a recuperación destas xornadas por parte da Academia Xacobea, hai cinco anos, tivo a súa orixe nun encontro no Parlamento de Galicia co daquela presidente da entidade, Xesús Palmou. Desde entón, a cita foi medrando e consolidando novamente a súa presenza en Ribadeo.

DOUS DÍAS DE ACTIVIDADE

A programación comezará o sábado 10 de outubro na Casa do Concello, onde se desenvolverán a conferencia de Ricardo Polín e dúas mesas redondas. A primeira abordará a relación entre a comunicación e os Camiños de Santiago coa participación de directores de medios galegos, mentres que a segunda estará centrada nos valores do Camiño e contará con asociacións de amigos do Camiño de diferentes territorios.

Tras a conferencia de Darío Villanueva e a actuación da Coral Polifónica de Ribadeo, as xornadas continuarán o domingo 11 de outubro no Auditorio de Ribadeo cunha sesión solemne da Academia Xacobea.

Durante este acto tomarán posesión John Rutherford, como académico de honra, e Manuel Valín, como académico correspondente. Rutherford está ademais estreitamente ligado á historia de 'Mar por Medio', ao ser un dos impulsores das primeiras edicións do ciclo durante a década dos noventa.

As persoas interesadas en participar poderán formalizar a súa inscrición ata o 7 de outubro de 2026 a través da páxina da Academia Xacobea.

 

PROGRAMACIÓN

0.1503279209137