Ribadeo acollerá unha charla de Arelas dentro da programación do Orgullo LGTBI

O Concello de Ribadeo continúa desenvolvendo as actividades con motivo do Orgullo LGTBI cunha proposta formativa e de sensibilización que terá lugar este mércores, 10 de xuño, coa participación da asociación Arelas.
A iniciativa enmárcase dentro da programación municipal do Orgullo e está organizada co obxectivo de ofrecer espazos de aprendizaxe, diálogo e reflexión arredor da diversidade. Desde o CIM subliñan que “o Orgullo tamén é aprender, escoitar e acompañar”, destacando a importancia de xerar espazos seguros para a comprensión das distintas realidades sociais.
A charla será impartida por Cristina Palacios, traballadora social da asociación Arelas, entidade galega de referencia no acompañamento de familias de infancia e mocidade trans. Durante a sesión abordarase a realidade deste colectivo, resolveranse dúbidas frecuentes e buscarase contribuír á eliminación de prexuízos e estereotipos.
O encontro celebrarase no Salón dos Alcaldes ás 19:45 horas e está concibido como un espazo aberto á participación, no que se pretende promover a empatía e fomentar o respecto, entendendo o Orgullo como unha ferramenta para garantir que todas as persoas poidan vivir con liberdade e dignidade.
Desde o CIM e a Concellería de Igualdade animan á veciñanza a participar nesta actividade, destacando o seu valor educativo e social e chamando a construír un Ribadeo máis diverso, inclusivo e acolledor.
Para máis información, o Centro de Información á Muller (CIM) de Ribadeo atende no teléfono 982 120 739.