Ribadeo acollerá o IV Concurso Solidario de quebracabezas

AMariñaXa
O evento celebrarase o 19 de abril no Pavillón Multiúsos e destinará os fondos á Fundación Sergio Villar
puzzle-quebracabezas
18 Apr 2026

O vindeiro 19 de abril de 2026, Ribadeo converterase nun punto de encontro para amantes dos quebracabezas coa celebración do IV Concurso Solidario PUZZLEO RIBADEO, que terá lugar no Pavillón Municipal Multiúsos da rúa Alfredo Deaño, 7. O evento comezará ás 10:00 horas coa disputa das tres categorías infantís, nas que os participantes contarán cun tempo máximo dunha hora e media para completar os seus quebracabezas.

As categorías son: Infantil A (4 a 6 anos) con montaxe individual de 100 pezas e aforo de 20 prazas; Infantil B (7 a 9 anos) con 200 pezas e 20 prazas dispoñibles; e Infantil C (10 a 12 anos), con 300 pezas e aforo tamén para 20 participantes. Ás 12:00 horas dará comezo a categoría de Parellas, con quebracabezas de 500 pezas e un tempo máximo de dúas horas, cun aforo de 60 parellas.

As inscricións abriron o pasado 19 de marzo e poden formalizarse a través da páxina web da Asociación Española de Puzzles (AEPUZZ). O custo é de 22€ por parella e 10€ para os participantes infantís, aplicándose un desconto de 3€ por persoa para socios e socias de AEPUZZ. Nesta edición, as prazas para a categoría de Parellas esgotáronse en menos de tres días, aínda que quedan dispoñibles prazas nas categorías infantís.

Os tres mellores tempos de cada categoría recibirán premios e trofeos, e tamén haberá un galardón especial para a primeira parella local. Ademais, todos os participantes recibirán como obsequio o quebracabeza do concurso.

O concurso mantén o seu carácter solidario, destinando os fondos recadados á Fundación Sergio Villar, organización sen ánimo de lucro creada en 2025 para mellorar as condicións de vida de persoas en situación ou risco de vulnerabilidade, prestando especial atención á infancia e á adolescencia. A entidade desenvolve proxectos de asistencia, intervención e protección social orientados a fomentar a autonomía persoal e o desenvolvemento comunitario.

O evento está organizado por socias da AEPUZZ, co apoio da Asociación Cultural A Ronqueta, o Concello de Ribadeo e a Fundación Sergio Villar, consolidándose como unha cita lúdica, educativa e solidaria para toda a comarca.

0.12451601028442