Ribadeo acollerá o II Trofeo Máster Vila de Ribadeo o vindeiro domingo

AMariñaXa
A proba ciclista, organizada polo Club Ciclista Eo e o Concello, disputaráse nas categorías M30-40-50-60 masculina e feminina
Ribadeo-2025-presentacion-Master-Vila-de-Ribadeo
12 Mar 2025

O vindeiro domingo, 16 de marzo, terá lugar o II Trofeo Máster Vila de Ribadeo, unha das citas deportivas máis esperadas na localidade. O evento, que será organizado polo Club Ciclista Eo e o Concello de Ribadeo, comezará ás 11:00 horas cunha saída programada para os participantes, que competirán nas categorías M30-40-50-60, tanto masculina como feminina.

As persoas interesadas en participar poden inscribirse até o xoves 13 de marzo ás 15:00 horas a través da páxina web www.fgalegaciclismo.es. A organización espera unha gran participación, facendo desta unha das probas de referencia na provincia.

A presentación oficial do evento tivo lugar no Pazo de Ibáñez e contou coa presenza de varias personalidades locais e deportivas. Ao acto asistiron Manuel Otero, xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta en Lugo; Francisco José Silvent, concelleiro de Deportes de Ribadeo; Iván López, técnico municipal de Deportes; Dani Vega, alcalde de Ribadeo; Marcelino López e Ismael Rey, presidente e secretario do Club Ciclista Eo; e Lázaro López do Club AeroDynamics.

O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, subliñou a importancia de eventos como este para o concello: “Ribadeo segue acollendo diferentes eventos deportivos nas fins de semana, que non só dinamizan os negocios da nosa vila, senón que tamén son unha boa promoción turística para quen nos visita. O turismo deportivo vai a máis e iso é moi importante para un concello como o noso.”

O II Trofeo Máster Vila de Ribadeo promete ser unha xornada de gran emoción e competitividade, coa participación de deportistas de distintas partes, que farán vibrar aos afeccionados á bici e ao deporte en xeral.

⚙ Configurar cookies
0.072449922561646