Ribadeo acollerá o I Encontro de Universidades Galegas para orientar a familias e alumnado de Bacharelato

AMariñaXa
A cita terá lugar o 29 de abril no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo e reunirá ás tres universidades galegas nun espazo de información e diálogo
ies-ribadeo-dionisio-gamallo
21 Apr 2026

O Salón de Actos do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo será escenario o vindeiro 29 de abril, ás 18:00 horas, dunha iniciativa pioneira na comarca: o I Encontro de Universidades Galegas. Trátase dunha xornada orientada principalmente a familias e alumnado de Bacharelato, que busca ofrecer información directa e resolver dúbidas sobre o futuro académico.

O encontro nace coa intención de facilitar o acceso a información clave nun momento decisivo para moitos estudantes, cando deben escoller que camiño seguir tras rematar os seus estudos secundarios. A proposta permitirá coñecer de primeira man a oferta das tres universidades galegas, abordando cuestións como titulacións, proxectos formativos, programas de mobilidade, servizos ou opcións de aloxamento.

Desde a organización destacan que unha das principais dificultades para o alumnado da zona é precisamente o acceso a este tipo de información, especialmente cando se trata de tomar decisións que implican, en moitos casos, abandonar o entorno familiar e adaptarse a unha nova etapa vital. Por iso, consideran fundamental “tender pontes” entre o ámbito educativo e o universitario, ofrecendo ferramentas que axuden a afrontar ese cambio con maior seguridade.

A iniciativa xorde, ademais, da demanda trasladada polas propias familias, conscientes da importancia de contar con orientación clara e completa neste proceso. Neste sentido, o centro impulsor decidiu dar un paso adiante e promover un encontro que reunise ás tres universidades galegas nun mesmo espazo, algo pouco habitual e que finalmente foi posible grazas á boa acollida da proposta por parte das institucións académicas.

O acto estará aberto non só á comunidade educativa do instituto, senón tamén a familias e estudantes doutros centros próximos, ampliando así o alcance dunha xornada que pretende converterse nun punto de referencia para a orientación académica na zona.

Os organizadores subliñan que reunir ás universidades nun mesmo foro supón unha oportunidade única para establecer canles de comunicación directa, resolver inquedanzas e coñecer en profundidade as posibilidades existentes. “A información é clave para tomar decisións”, sinalan, ao tempo que lembran que, aínda que o proceso formativo implica aprendizaxe e tamén erros, contar con datos fiables permite afrontar esa etapa con máis confianza.

Con esta iniciativa, Ribadeo aposta por reforzar o acompañamento ao alumnado nun momento crucial da súa traxectoria, promovendo un espazo de encontro que favoreza o diálogo, a orientación e a construción de futuros académicos máis informados.

0.10192394256592