Ribadeo acollerá o I Campus Internacional ‘Sublime’, con apoio da Xunta e estrelas do baloncesto europeo e americano

AMariñaXa
A actividade, promovida por Pablo Ferreiro e o campión da NBA Payton Pritchard, celebrarase do 20 ao 25 de xullo e diríxese a rapaces e rapazas nados entre 2007 e 2013
Imaxe recurso de baloncesto
29 Nov -0001

Ribadeo converterase este verán nun punto de referencia para o baloncesto internacional coa celebración do I Campus Internacional ‘Sublime’, unha iniciativa pioneira que conta co respaldo da Xunta de Galicia e coa implicación de figuras destacadas do deporte profesional. A actividade desenvolverase do 20 ao 25 de xullo nas instalacións do pavillón municipal e está dirixida a mozos e mozas nados entre os anos 2007 e 2013.

A presentación oficial tivo lugar este xoves e contou coa participación do delegado territorial da Xunta, Javier Arias, o alcalde de Ribadeo, Daniel Vega, e membros da organización. Arias salientou o valor da iniciativa como ferramenta para “impulsar hábitos de vida saudables, o traballo en equipo e o intercambio cultural a través do deporte”.

O campus está promovido polo exxogador lucense Pablo Ferreiro e o actual xogador da NBA Payton Pritchard, campión cos Boston Celtics. Baixo a dirección técnica do español Josep María Raventós e o estadounidense Casey Trujeque, ofrecerase unha proposta formativa que combina adestramentos de alto nivel con contidos formativos e actividades complementarias.

Durante os seis días de duración, os participantes recibirán ensinanzas adaptadas ás mellores técnicas do baloncesto europeo e americano, e poderán participar en competicións, charlas, obradoiros sobre nutrición e psicoloxía deportiva, ademais de actividades de lecer.

Desde a Xunta, Javier Arias puxo este campus como exemplo das políticas que o Goberno galego desenvolve para “promover o deporte base e facilitar un lecer activo e formativo entre a mocidade”. Lembrou que programas como o plan Xogade ou a campaña de verán con campamentos e actividades supoñen unha aposta clara por ofrecer alternativas saudables á xuventude. Neste 2025, a oferta estival da Xunta contará cunha cifra récord: máis de 11.600 prazas dispoñibles para mozos e mozas de entre 9 e 30 anos.

0.12170696258545