Ribadeo acollerá o Campionato Galego de Cross Xogade 2025-26

Ribadeo converterase en escenario deportivo o próximo 17 de xaneiro coa celebración do Campionato Galego de Cross Xogade 2025-26, que dará comezo ás 11:00 horas no Campamento Xuvenil da Devesa. A organización corre a cargo de A.D.E. A Mariña, en colaboración co Concello de Ribadeo, Deporte Galego, Gadis, Clun e o Club Atletismo Ribadeo.
O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, destacou a importancia deste tipo de eventos para a vila: “Comezamos o ano albergando competicións deportivas en Ribadeo, que supoñen un aliciente para os fins de semana do noso concello e, sobre todo, para a nosa hostalería”.
Silvent lembrou que a Devesa xa acolleu anteriormente probas clasificatorias, os pasados 29 de novembro e 13 de decembro, e subliñou que “estamos moi contentos de acoller este tipo de eventos en Ribadeo, polo que supoñen para o deporte, para a promoción turística do noso concello e tamén para a súa hostalería”.
A xornada do 17 de xaneiro prevese chea de emoción e actividade deportiva, coa participación de numerosos atletas que buscarán clasificarse e demostrar o seu talento nunha das citas máis importantes do calendario autonómico de cross.