Ribadeo acollerá o 2 de marzo o I Raid de Orientación
Ribadeo acollerá o 2 de marzo o I Raid de Orientación Concello de Ribadeo, que é unha competición multidisciplinar destinada a probar a capacidade de orientación e resistencia dos equipos, sen axuda externa. Os equipos en moitas ocasións deben ser mixtos, e mulleres e homes compiten en igualdade de condicións, polo que se trata, segundo os organizadores, dun dos deportes máis inclusivos do mundo.
O deporte dos Raids de Orientación consiste en realizar un percorrido, preestablecido pola organización, marcado no terreo mediante balizas e sinalado no mapa específico de ese terreo que se entregará a cada participante. Os participantes, coa axuda dun compás, realizarán o percorrido elixindo o itinerario a seguir entre os puntos de control.
Cada equipo, en función da súa propia estratexia, decide que distancia percorre, que puntos de control visita, e que probas especiais realiza; tendo en conta que non pasar polos puntos de control supón non sumar os puntos que outorga dito control. O tempo empregado e a puntuación conseguida en realizar o percorrido serán os determinantes da clasificación final.
Poden participar deportistas maiores de 18 anos que teñan experiencia en Raids. Os equipos estarán formados por 3 persoas, sempre en carreira. As disciplinas da proba serán: trekking, BTT, cordas, tiro con arco + outras probas especiais. Haberá, por exemplo, un rapel no Cargadoiro.
O I Raid de Orientación Concello de Ribadeo comezará a primeira hora da mañá do 2 de marzo na praza de España e rematará coa entrega de premios a partir das 19.30 horas. Agárdase a participación dunhas 200 persoas.
O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, dixo que “estamos moi contentos de que Ribadeo fose o concello elixido para a celebración deste primeiro Raid de Orientación, xa que traerá a moita xente á nosa vila durante a primeira fin de semana de marzo. Será un atractivo para os deportistas e para o público e contribuirá á dinamización da hostalería local”.