Ribadeo acollerá este sábado o XVIII Torneo de Ximnasia Rítmica con 700 participantes

AMariñaXa
A cita deportiva, organizada pola Escola Porta Norte e o Concello, reunirá a deportistas da provincia e atraerá a máis de 1.500 persoas á vila
Imaxe recurso ximnasia rutina
5 Mar 2026

O pavillón municipal de deportes de Ribadeo converterase este sábado, 7 de marzo, no escenario dunha das citas máis destacadas da ximnasia rítmica na provincia coa celebración do XVIII Torneo de Ximnasia Rítmica Concello de Ribadeo. A competición reunirá arredor de 700 ximnastas nun evento que cada ano medra en participación e que se consolida como unha referencia no calendario deportivo da zona.

O torneo está organizado polo club local Escola Porta Norte en colaboración co Concello de Ribadeo e conta tamén co apoio de diferentes entidades e empresas como Acisa, Gadis, Deporte Galego, Xunta de Galicia, Deputación de Lugo e Construcciones Metálicas Cotarelo.

Segundo explicou a directora técnica da Escola Porta Norte, Nelly Bouso, a cita reunirá deportistas procedentes de diferentes clubs da provincia de Lugo, ademais dun equipo convidado chegado desde Pontevedra. “Na competición participarán arredor de 700 ximnastas, todas procedentes da provincia de Lugo, ás que se suma un club convidado de Pontevedra”, indicou. Bouso tamén detallou que a xornada deportiva desenvolverase en dúas sesións: “a competición da mañá comezará ás 10:00 horas e pola tarde retomaráse ás 16:30”.

Desde o Concello subliñan a importancia que ten esta cita tanto no plano deportivo como no económico para a vila. O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, destacou que a celebración do torneo converterá Ribadeo nun punto de encontro para centos de deportistas e as súas familias. “Vai ser un sábado moi importante para Ribadeo no ámbito deportivo, pero tamén para a dinamización hostaleira e comercial do municipio, xa que falamos da presenza de centos de ximnastas e dos seus acompañantes durante toda a xornada”, sinalou.

Nesta mesma liña pronunciouse a presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, quen destacou o impacto que eventos deste tipo teñen na actividade económica local. “Desde Acisa colaboramos un ano máis con este torneo deportivo, xa que supón a presenza en Ribadeo de máis de 1.500 persoas. Unha competición destas características xera un importante movemento na hostalería e no comercio da vila”, afirmou. Cruzado tamén quixo felicitar á Escola Porta Norte polo traballo que desenvolve na promoción da ximnasia rítmica.

Os organizadores agardan que o pavillón municipal presente un grande ambiente ao longo de toda a xornada, cun público formado por familiares, afeccionados e amantes desta disciplina deportiva. Pola súa banda, o concelleiro de Deportes animou á veciñanza e ás persoas interesadas a achegarse ao pavillón para presenciar o torneo. “Os amantes da ximnasia rítmica teñen este sábado unha oportunidade perfecta para gozar desta modalidade deportiva, que conta cunha gran implantación no noso concello”, manifestou.

0.10611009597778