Ribadeo acollerá de novo o mercadillo solidario en favor dos nenos ucraínos
Un grupo de ribadenses organiza unha nova edición do mercadillo solidario para recadar fondos destinados a unha asociación que trae nenos ucranianos a Galicia desde hai anos, algúns deles a Ribadeo.
Será as datas de Semana Santa, do xoves 14 ao domingo 17, nun local da rúa Vello Pancho, concretamente no baixo que ocupaba a Droguería Pulpeiro, fronte á oficina de Abanca.
As promotoras desta iniciativa explican que "ante a boa acollida do mercadillo solidario que xa organizamos fai quince días, volvemos abrir as portas deste local que nos cederon na rúa Vello Pancho co obxectivo de recadar fondos para a asociación Nenos de Ucraína en Galicia e Andalucía”.
E engaden: “queremos aproveitar estas datas nas que moita xente visita Ribadeo para facer unha chamada á solidariedade con estas nenas e estes nenos de Ucraína, que seguen nese país con importantes necesidades como consecuencia da invasión rusa. Toda colaboración será benvida”.
O mercadillo estará aberto ao público o Xoves Santo de 17:00 a 20:00 horas, o venres e o sábado de 11:00 a 14:30 e de 17:00 a 20:00 horas e o domingo de 11:00 a 14:30 horas.