Ribadeo acollerá a XIV edición do Curso de Iniciación ao Jazz e Música Moderna dedicado a Miles Davis

AMariñaXa
Tres días de formación musical con profesorado de prestixio e concerto final aberto ao público
CARTEL-XIV-CURSO-DE-JAZZ-EN-RIBADEO-(XUÑO-2026)
12 Jun 2026

Ribadeo volverá converterse nun punto de encontro para o jazz coa celebración da décimo cuarta edición do Curso de Iniciación ao Jazz e Música Moderna, que terá lugar entre o venres 26 e o domingo 28 de xuño. A actividade estará centrada este ano na homenaxe ao centenario do nacemento do mítico músico estadounidense Miles Davis, figura clave na historia do jazz contemporáneo.

A iniciativa está organizada pola asociación cultural ribadense Bruar, cuxo presidente, Rubén Solloso, explicou que o curso manterá a estrutura habitual de edicións anteriores, con sesións repartidas en horario de mañá e tarde e un equipo docente formado por cinco especialistas en distintas áreas musicais.

O profesorado estará composto por recoñecidos nomes do panorama musical. Na área de piano repite Javier Constenla, con ampla experiencia no ámbito educativo do jazz. No apartado de vento incorporase de novo o saxofonista Pablo Castaño, mentres que no canto continúa a cantante Carmen Rey, con traxectoria tanto no ensino como nos escenarios galegos.

Como novidade deste ano, sumarase o batería Lar Legido, coñecido pola súa faceta de performance e improvisación, e o guitarrista Marco Martínez, cunha ampla experiencia en seminarios e cursos de curta duración.

Segundo explicou Rubén Solloso, o curso desenvolverase durante tres xornadas consecutivas, do venres ao domingo, e culminará cun concerto de clausura o domingo pola tarde no Parque de San Francisco, aínda que en caso de mal tempo trasladarase ao Cine Teatro, como en edicións anteriores. Ademais, este ano espérase poder organizar tamén un concerto de profesores, previsiblemente na tarde-noite do sábado, unha proposta que busca reunir aos docentes nun mesmo escenario para ofrecer un programa especial aberto ao público.

En canto á matrícula, o presidente da asociación indicou que os prezos se manteñen accesibles: 60 euros para socios da Asociación Cultural Bruar, 70 euros para o alumnado da Escola Municipal de Música de Ribadeo e 80 euros para o resto de participantes.

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 24 de xuño. As persoas interesadas poden obter máis información ou formalizar a matrícula contactando co teléfono 677 73 40 84.

0.10098600387573