Ribadeo acollerá a quinta edición da Heroican Race o 28 de setembro

Ribadeo será escenario da quinta edición da Heroican Race, que se celebrará o vindeiro 28 de setembro. A proba, que regresa con forza, foi presentada esta mañá e contará co apoio do Concello, destacando tanto a súa dimensión deportiva como o impacto positivo no comercio e a hostalería locais.
O alcalde, Dani Vega, sinalou que “a Heroican Race sempre se celebrou en Ribadeo, pero houbo un tempo no que non foi posible. Cando chegamos ao goberno, decidimos colaborar para recuperar este evento, que contribúe a reforzar o dinamismo da nosa vila”. Destacou, ademais, que “máis aló do aspecto deportivo, este tipo de iniciativas teñen un impacto económico moi importante, beneficiando a hoteis, establecementos comerciais e restauración. É un impulso que Ribadeo necesita”.
Desde a organización, avanzan que esta quinta edición traerá novidades e agardan unha gran participación. “A Heroican Race dálle visibilidade a Ribadeo e axuda a pechar o verán cun evento que combina deporte e espectáculo”, subliñaron durante a presentación.