Ribadeo acollerá a presentación de Presagio, o novo thriller histórico de Juan de Oñate

O escritor, historiador e director da Asociación de Periodistas Europeos, Juan de Oñate, presentará o vindeiro 13 de agosto en Ribadeo a súa última novela, Presagio, un thriller histórico no que se mesturan misterio, investigación e conspiracións cunha reflexión sobre o xornalismo e a sociedade actual.
O acto celebrarase ás 19.30 horas no Salón dos Alcaldes e contará coa participación do xornalista de Onda Cero Rafa Latorre, que será o encargado de conducir a presentación. Ao remate, as persoas asistentes poderán adquirir exemplares da obra e participar na sesión de sinaturas co autor.
Presagio desenvolve boa parte da súa trama en Ribadeo, aínda que tamén percorre outros escenarios da Mariña lucense, a comarca de Sarria e o occidente asturiano. A novela combina elementos propios do thriller histórico con enigmas, segredos e investigacións que lembran o estilo de escritores como Dan Brown ou Glenn Cooper.
Ademais da intriga, a obra incorpora unha visión crítica sobre o exercicio do xornalismo e analiza cuestións como a rapidez coa que circula a información, a simplificación dos contidos ou a crecente procura do impacto emocional na sociedade contemporánea.
Tras a súa presentación en Ribadeo, Juan de Oñate continuará a promoción da novela na comarca participando nas feiras do libro de Viveiro, o 14 de agosto ás 20.30 horas, e de Foz, o 20 de agosto, tamén ás 20.30 horas, onde manterá novos encontros cos lectores e asinará exemplares.