Ribadeo acolle unha nova edición do Ribadeo Basket Pro, un stage feminino de alto nivel

AMariñaXa
O campus de baloncesto desenvolverase do 13 ao 19 de xullo e está dirixido a mozas nacidas en 2011 ou anos anteriores
Imaxe recurso de baloncesto
6 Jul 2025

Ribadeo volverá ser este verán escenario do Ribadeo Basket Pro 2025, un stage de perfeccionamento técnico-táctico de baloncesto feminino, que se celebrará entre o 13 e o 19 de xullo e está dirixido a xogadoras nadas no ano 2011 ou anteriores.

O obxectivo desta iniciativa é ofrecer unha formación integral a través de adestramentos específicos, traballo individualizado, mellora de fundamentos técnico-tácticos tanto ofensivos como defensivos, preparación física adaptada ao xogo e asesoramento en nutrición deportiva.

O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, destacou que “as rapazas que participen neste stage recibirán ensinanza directa de adestradores de primeiro nivel, así como de preparadores físicos e fisioterapeutas especializados”. E engadiu: “seguimos apostando polo baloncesto e acollendo en Ribadeo actividades que fomenten a práctica deportiva feminina. Agardamos que moitas mozas se animen a formar parte desta edición”.

O evento está organizado pola entidade Droce, e conta co apoio financeiro da Área de Deportes da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, así como coa colaboración da Xunta de Galicia, o Concello de Ribadeo, o Club Baloncesto Ría de Ribadeo, Ensino Lugo, Jim Sports e Candelas.

Durante unha semana, Ribadeo converterase nun punto de encontro para xogadoras con interese en seguir medrando no ámbito do baloncesto, nun contexto formativo, profesional e tamén lúdico. Esta nova edición reforza o compromiso institucional e organizativo coa promoción do deporte base e da igualdade no deporte.

⚙ Configurar cookies
0.12231802940369