Ribadeo acolle un obradoiro sobre innovación turística o 25 de outubro
Ribadeo acolle o mércores 25 de outubro un obradoiro sobre innovación turística. A proposta, baixo o nome Brainstorming: innovación como futuro no turismo, está organizada pola Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) no marco do programa Conecta Lugo.
O obradoiro, de carácter intensivo e práctico, terá lugar no Real Club Náutico de Ribadeo en horario de 10.30 a 13.00 horas. O obxectivo final do encontro, restrinxido a un máximo de 15 participantes, é elaborar unha DAFO conxunta entre asistentes, relatores e técnicos especializados que recolla unha mochila de ideas e solucións innovadoras para cada unha das empresas asistentes.
Contará coa participación de técnicos especializados en innovación da Axencia Galega de Innovación (GAIN), así como con técnicos do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE). Tamén estará o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo González Pardal; o director adxunto da aceleradora Turislab Galicia, Manuel G. García e Roberto Fraga, CEO e fundador de Pilgrim, e Pepe Formoso Mourelos, patrón do Buque Hotel Bela Fisterra.
A asistencia é gratuíta pero, dado que as prazas son limitadas, é preciso tramitar reserva. Pódese solicitar máis información e realizar as inscricións a través da web.