Ribadeo acolle o VIII Mus na Praia con máis dun centenar de participantes chegados de tres comunidades

A vila de Ribadeo converterase o vindeiro sábado 13 de xuño nun dos puntos de referencia do xogo do mus coa celebración dunha nova edición do VIII Mus na Praia, unha iniciativa organizada pola asociación cultural LuMus.
O encontro terá lugar nas instalacións do Real Club Náutico de Ribadeo e reunirá a máis dun cento de xogadores e xogadoras chegados de Galicia, Asturias e Castela e León. Deste xeito, o torneo consolídase como unha das citas máis relevantes do calendario musístico da franxa costeira da provincia de Lugo.
Ademais do propio carácter competitivo, a xornada destaca tamén polo seu impacto social e económico na vila, xa que atrae numerosos participantes e acompañantes que aproveitan a ocasión para gozar da contorna e da oferta local durante todo o día.
Desde a organización, a asociación LuMus quixo agradecer o apoio recibido por parte do Concello de Ribadeo, do Real Club Náutico, de Mapfre e do resto de entidades colaboradoras e patrocinadoras que fan posible a continuidade desta iniciativa ano tras ano.
O VIII Mus na Praia dará comezo ás 10:00 da mañá e prolongarase ao longo de toda a xornada do sábado, nun ambiente de convivencia, deporte popular e participación interrexional.