Ribadeo ofrece 12 modalidades nas súas escolas deportivas este curso

AMariñaXa
Este ano, ofrécese unha ampla variedade de disciplinas deportivas, un total de 12, entre as que se atopan:atletismo, bádminton, baloncesto e fútbol
escolas-deportivas-Ribadeo
30 Ago 2024

O Concello de Ribadeo abre o prazo de inscrición para as escolas deportivas municipais de inverno entre o 16 e o 30 de setembro. Este ano, ofrécese unha ampla variedade de disciplinas deportivas, un total de 12, entre as que se atopan: atletismo, bádminton, baloncesto, fútbol, fútbol sala, hockei liña, natación, pádel, patinaxe, tenis, tenis de mesa e ximnasia rítmica.

As clases comezarán de forma escalonada, iniciando o 16 de setembro coas escolas de fútbol e bádminton. Seguiralle o baloncesto, que comezará o 18 de setembro. O día 23, será a quenda para as escolas de atletismo e fútbol sala, mentres que o tenis de mesa dará comezo o 30 de setembro.

Xa en outubro, o calendario inclúe o inicio de ximnasia rítmica e patinaxe o día 1, seguido do hockei liña o día 3. As actividades de tenis e natación comezarán o 4 de outubro, e, finalmente, a escola de pádel abrirá as súas portas o 7 de outubro.

As inscricións poden realizarse na Casa da Xuventude. O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, anima ás nenas e nenos do concello a participar nestas actividades, destacando a importancia do deporte como sinónimo de saúde e a diversidade de opcións dispoñibles para todos os gustos.

"Animamos a inscribirse nas escolas deportivas municipais de inverno ás nenas e aos nenos do noso concello. O deporte é saúde, por iso apostamos un ano máis por esta ampla oferta de disciplinas para que poidan escoller aquela ou aquelas que máis lles gusten", sinalou Silvent.

0.082268953323364