Ribadeo abre do 16 ao 30 de setembro o prazo para inscribirse nas escolas deportivas municipais de inverno

O Concello de Ribadeo vén de anunciar que entre os días 16 e 30 de setembro permanecerá aberto o prazo de inscrición para participar nas escolas deportivas municipais de inverno. Nesta edición serán un total de doce as modalidades dispoñibles: atletismo, bádminton, baloncesto, fútbol, fútbol sala, hockei liña, natación, pádel, patinaxe, tenis, tenis de mesa e ximnasia rítmica.
Segundo detallou o concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, algunhas das actividades comezarán xa en setembro, como é o caso do atletismo, o bádminton, o baloncesto, o fútbol, o fútbol sala e o tenis de mesa. Outras darán inicio en outubro, entre elas o hockei liña, a natación, o pádel, a patinaxe, o tenis e a ximnasia rítmica.
As inscricións deberán formalizarse na Casa da Xuventude, cun prezo de 60 euros por escola para todo o curso. Silvent destacou que “desde o Concello animamos a todas as nenas e nenos de Ribadeo a practicar deporte, porque é saúde, é convivencia, é traballo en equipo, é esforzo individual e tamén disciplina. Por iso ofertamos doce modalidades, para que cada quen poida escoller a que máis lle guste”.