Rexistradas máis 900 solicitudes no Tecendo Emprego da Deputación

TerraChaXa | AMariñaXa
O Executivo Provincial recibiu preto de 900 solicitudes para optar aos 56 perfís profesionais ofertados co Tecendo Emprego, o plan laboral do Goberno da Deputación na provincia, o que pon de manifesto o éxito desta nova programación tras rematar o prazo de inscrición este venres.
20 Feb 2019

O Executivo Provincial recibiu preto de 900 solicitudes para optar aos 56 perfís profesionais ofertados co Tecendo Emprego, o plan laboral do Goberno da Deputación na provincia, o que pon de manifesto o éxito desta nova programación tras rematar o prazo de inscrición este venres. Nos vindeiros días publicarase no taboleiro de anuncios e da páxina web da Deputación o listado de requirimentos e as diferentes comunicacións ás persoas inscritas neste plan de emprego. O Executivo Provincial asume con 1,7 millóns os custes laborais dos novos traballadores durante 1 ano.
O proceso de selección, que terá lugar no mes de marzo, para os 56 perfís profesionais do Tecendo Emprego realizarase a través dunha entrevista persoal, na que os participantes deberán acreditar mediante orixinais a documentación relativa ao perfil solicitado: no caso de ser necesaria a acreditación da titulación académica esixida, contratos de traballo ou nóminas para acreditar a experiencia laboral e demais esixencias concretas para cada posto de traballo. Na entrevista curricular terase en conta a formación e experiencia relacionada co perfil profesional que se solicita, ou a actitude e aptitude que demostre o candidato, entre outras cualidades.
O Tecendo Emprego, busca cumprir con varios obxectivos: favorecer a contratación de veciños no paro con maiores dificultades para atopar traballo, como mozos sen experiencia ou maiores de 50 anos. Ademais trata de reforzar o labor social que desenvolve o tecido asociativo lugués, pois estes postos de traballo enmárcanse en 41 colectivos sociais da provincia que recibirán axudas da Deputación de entre 18.000 a 24.000 euros para asumir os custos laborais dos traballadores durante 1 ano. Estes colectivos demandan 56 perfís profesionais en distintos sectores. En base as súas solicitudes 31 están dirixidos a lucenses no paro menores de 35 anos e sen experiencia laboral (o 55% do total de empregos); 19 para veciños de 30 a 50 anos en xeral (35%) e 6 para maiores de 50 (10%).
As 41 asociacións da provincia que resultaron beneficiados desenvolven unha actividade social moi variada: ofrecen atención profesional a lucenses con discapacidade, enfermidades mentais, autismo ou alzheimer; á muller en distintos ámbitos; ou mesmo a profesionais de sectores punteiros como o lácteo ou o forestal. Tamén demandan profesionais de diversos perfís: educadores sociais, licenciados en Psicoloxía, ADE, Pedagoxía, Enxeñería Agrícola; administrativos; mestres; terapeutas ocupacionais, técnicos especializados en dependencias ou en explotacións gandeiras.

0.13533496856689