Pedro Esmoris, da Agrupación Deportiva San Roque: "O obxectivo é formar persoas e xa despois deportistas de elite"

AMariñaXa
Coñecemos esta entidade deportiva de formación que potencia deportes como o bádminton e atletismo
ad-san-roque-viveiro
24 Feb 2025

Por Amanda Fernández

O caso máis sonado pode ser o de Adrián Ben, pero a Agrupación Deportiva San Roque de Viveiro pode presumir de ser o lugar onde moitos nenos e nenas dan os seus primeiros pasos no atletismo ou no bádminton. Esta entidade fundouse no ano 2000 co obxectivo de fomentar a práctica, principalmente, de deportes minoritarios.

Conta os seus inicios, Pedro Esmoris, presidente da AD San Roque, adestrador dos nenos de Viveiro de Bádminton e compoñente do CBO Cembedo: "Naquel momento, tiñamos unha sección de bádminton e de atletismo. A maioría da xente que formaba parte da agrupación deportiva eran rapaces. Non había organizacións ou clubs deportivos que tiveran estas disciplinas nin había o tecido asociativo que hai en hoxe en día en Viveiro".

Así a agrupación funcionaba como escola deportiva coa posibilidade de competir en categoría de adultos. Porén, tamén organizou varios eventos, como a marcha de bicicleta de montaña 'BTT Concello de Viveiro', durante dez anos consecutivos. Tamén realizou campionatos de vólei praia e a travesía de natación "que coincidía polas festas de San Roque e se fixo desde o 1999 ata o 2008".

UNHA ESCOLA DEPORTIVA CON VISTAS AO FUTURO

Actualmente na AD San Roque están centrados nos grupos de bádminton e en fomentar este deporte entre os máis pequenos. Tamén contan con algúns grupos de atletismo. A particularidade é que é unha escola de formación, de deporte base, e que pasa cando chegan a categoría de cadete? Esmoris, explica: "Cando queren seguir co deporte e pensar en algo máis profesional temos unha serie de clubs conveniados, ou xente coñecida, e mandámolos aló. No seu momento, Adrián Ben, chegou a cadete aquí e non tiñamos as instalacións ou o organigrama para poder competir a nivel autonómico ou xa nacional. Fixemos un acordo co Lucus Caixa Rural e mandámolo para aló nese momento".

Non foi só Adrián Ben o que seguiu estes pasos, mesmo caso o da súa irmá, Ana Ben, ou Teshome Hermida, que tamén mandaron desde Viveiro para outros clubs de atletismo, como a Escola Atlética Lucense.

No caso do bádminton, tamén formaban crianzas en competición, a nivel escola, que logo daban o salto cualitativo para competir federados. "Irían a un equipo, como o Club Bádminton A Estrada, para ter horas de adestramentos, concentracións, sitio...", destaca o presidente que lembra un caso concreto. Uxío Rodríguez, da Viveiro Surf Escola, foi un dos rapaces que tiñan naquel momento na AD San Roque en bádminton e acabou no Club Bádminton A Estrada. Logrou ser "campión galego a nivel alevín, infantil e cadete escolar para logo dar o salto á competición federada co seu club".

Na actualidade os nenos e nenas dos seus grupos de bádminton están adestrando tanto en Viveiro como na ACD Xove. "Debemos ter case 50 nenos, entre os 7 e 8 anos e os 15 e 16 anos", afirma Pedro Esmoris. Todos aqueles cativos que queiran competir federados teñen a posibilidade nun club da zona, do occidente da Mariña, o Club Bádminton O Cembedo en Viveiro. Así, unha entidade traballa a base e a outra a competición a partir de certa idade, e todo en Viveiro.

"O OBXECTIVO É FORMAR PERSOAS"

Ademais dos mencionados grupos de bádminton e atletismo, tamén contan cun grupo de multideporte: "Os cativos máis pequenos fan un pouco de todo e xa os imos orientando. Se queren probar bádminton, proban, ou baloncesto, proban". De feito, destaca o presidente, que este 2024 aplicaron este sistema no colexio de Galdo e funcionou a modo de "predeporte no que os cativos poden coñecer deportes, que a veces, se non fose desta maneira, non terían acceso a eles".

Os prazos para inscribirse na agrupación comezan o inicio do curso escolar e tentan adaptar os horarios para os adestramentos. Están así presentes na etapa de formación, na que se traballan cousas concretas e se procura que o alumnado adquira uns hábitos e unha serie de habilidades motrices. "Xa a partir dos 16 anos é cando comezan a adestrar e a formarse os campións. Así, moitas veces os pais pensan que cos adestramentos se van a adiantar e só conseguen amolar unha etapa moi bonita na que teñen que relacionarse, socializar e xogar como os nenos que son", afirma o adestrador Pedro Esmoris.

Neste punto destaca que xa acabou a temporada de campo a través e que os cativos comezan a facer algo de bicicleta. Actualmente lévannos a duatlón, unha disciplina moi atractiva coa vista na campaña de atletismo en pista. En febreiro teñen o primeiro torneo de bádminton preparatorio. Isto no deportivo, pero o reto desta agrupación deportiva vai máis aló: "O obxectivo é formar persoas e xa despois deportistas de elite".

ADRIÁN BEN: "PARA NÓS NON DEIXA DE SER UN NENO MÁIS"

Pensar en Viveiro e atletismo é sinónimo de Adrián Ben, un caso paradigmático. A AD San Roque viu a este rapaz dar os seus primeiros pasos. O seu presidente recoñece: "Nomes como o de Adrián Ben para nós supoñen un orgullo, pero temos o mesmo cariño a Adrián que a todos os demais que pasaron por aquí". Afirma que Adrián tiña unha cabeza moi privilexiada: "Con 15 anos xa o tiña claro, dicía, eu quero ser olímpico, quero ser atleta profesional e vivir disto. Tamén se deu a contorna, cunha familia cos pés no chan que confiaba plenamente nos adestradores, tanto no colexio con Luís, como con nós, dicían que o neno estaba en boas mans".

Non sorprende cando Adrián se pasa para adestrar cos cativos ou ben xogar ao bádminton cos veteranos. Para que se produza un caso así, destaca, teñen que darse moitas circunstancias "psicolóxicas, técnicas, físicas e ganas". Pedro Esmorís conclúe con estas palabras: "Adrián non deixa de ser un rapaz máis da vila, é encantador e, para nós é un orgullo. Tamén un neno máis, xa que aínda con 40 anos seguen sendo nenos, e iso que xa veñen adestrar os seus fillos!".

 

 

 

⚙ Configurar cookies
0.17943787574768