Remourelle acollerá o 2 de maio a XIII Ruta Cabalar organizada polos Xinetes de Remourelle

A parroquia de Remourelle volverá converterse nun punto de encontro para os afeccionados ao mundo ecuestre coa celebración da XIII Ruta Cabalar, unha cita organizada pola asociación Xinetes de Remourelle que terá lugar o vindeiro 2 de maio.
A actividade arrancará ás 10:00 horas coa saída da ruta, na que os participantes percorrerán diferentes camiños da zona nunha xornada pensada para desfrutar da natureza e da convivencia entre afeccionados aos cabalos. Durante o percorrido, a organización ofrecerá tamén pinchos no medio da ruta para facer unha parada e repoñer forzas antes de continuar co itinerario.
Tras a actividade ecuestre, a programación continuará cunha comida prevista para as 14:30 horas. O menú terá un prezo de 28 euros para persoas adultas, mentres que os nenos e nenas de entre 6 e 12 anos poderán participar por 14 euros.
A xornada está pensada para todos os públicos e incluirá diferentes actividades complementarias. Para os máis pequenos instalaranse colchonetas, mentres que os rapaces de maior idade poderán participar en partidas de futbolín. Ademais, ao longo do día celebraranse sorteos e entregaranse agasallos, nun ambiente festivo que contará tamén coa animación musical dun DJ.
A organización lembra que a venda de tiques e as inscricións poden realizarse a través dos membros da directiva dos Xinetes de Remourelle. O prazo para anotarse permanecerá aberto ata o 29 de abril.
As persoas interesadas en obter máis información ou formalizar a inscrición poden contactar cos teléfonos facilitados pola organización.
A celebración desta nova edición da ruta cabalar conta ademais coa colaboración de diversas entidades e empresas, así como co apoio institucional do Concello de Ribadeo, da Deputación de Lugo e da Xunta de Galicia.