Rematan os Mercados dos Domingos de Ribadeo coa Festa da Horta

AMariñaXa
A xornada estará dedicada aos produtos de tempada e proximidade
Festa-da-Horta-2024
8 Out 2024

Coa Festa da Horta o vindeiro 13 de outubro rematan os Mercados dos Domingos deste 2024. Haberá obradoiros para adultos e nen@s, exposicións, degustacións, tapas especiais nos bares da contorna da praza de abastos e música. A xornada estará dedicada aos produtos de tempada e proximidade. “Durante a festa o público poderá desfrutar de diferentes actividades como unha degustación de zume de mazá recén prensada ou visitar a carpa Experiencias de Calidade da man de AGACAL (Axencia Galega de Calidade Alimentaria) con degustacións de produto galego.

“Tamén haberá unha mostra de diferentes produtos da horta e a exposición Alimentos con Superpoderes, que sensibiliza dos beneficios da alimentación de proximidade”, dixo a concelleira de Comercio e Turismo, Marta Saiz. Haberá obradoiros para adultos e nenos: Crea un horto na casa para todos os públicos e Tira da Ruleta para os máis pequeniños con xogos de probas arredor da temática da horta.

Ademais haberá tapiñas especiais nos bares da contorna da praza de abastos. E o broche final a esta intensa maña de actividades poñer ao Dúo Fenel coa súa música. Para participar no obradoiro Crea un horto na casa é preciso inscribirse, xa que as prazas son limitadas. As persoas interesadas poden dirixirse a adl@ribadeo.gal ou ao teléfono 982 128 650.

A concelleira de Comercio e Turismo agradeceu o traballo da asociación A Sucadoira: “Agradecer á Sucadoira, a asociación de produtoras e produtores locais da horta, o seu traballo e a súa implicación para traernos a este mercado unha oferta moi diversificada de produtos procedentes da zona, onde destacan principalmente os da horta”. Animan así a veciños e visitantes a achegarse a este derradeiro Mercado dos Domingos a desfrutar de todas as actividades que temos preparadas.

0.28073000907898