Rematan as obras do Centro de Día de Ribadeo
En Ribadeo finalizaron as obras no Centro de Día, que supuxeron un investimento de 50.000 euros por parte da Xunta de Galicia. O alcalde, Dani Vega, agradece a contribución da administración galega para a mellora deste Concello.
O rexedor explicou que “finalizaron as obras do Centro de Día cun investimento por parte da Xunta de Galicia de 50.000 euros, concretamente con Política Social, a cal lle queremos dar as grazas por todo o que está a contribuír para mellorar Ribadeo, en edificios e tamén en actividades. Ese financiamento está a servirnos e nós estamos a aproveitar para actividades e tamén para mellorar os edificios que están destinados ás persoas”.
Vega indicou: “Neste caso o Centro de Día, que estaba nunha situación bastante complexa, facía falta investimento e nós, cando chegamos, xa nos puxemos a traballar. Houbo un primeiro convenio de 16.300 euros, con certas melloras e agora estes 50.000 euros. Que melloras se fixeron? En toda a parte dianteira o que se fixo foi un acondicionamento para que as persoas poidan estar a realizar actividades fóra. Creo que a construción desa beirarrúa con nivel vai ser de moito agrado para as persoas que acoden ao Centro de Día. Tamén queriamos construír esa costa con esa varanda de seguridade. Entón desde o punto de vista da seguridade melloramos, pero tamén desde un punto de vista da accesibilidade”.
Para o alcalde “é preciso seguir traballando na mellora da accesibilidade dos edificios, tanto en prazas públicas como en edificios. Estamos a avanzar, pouquiño a pouco. Non Centro de Día, que parece contraditorio, pero era así, era moi complicado que unha persoa con mobilidade reducida entrara con certa tranquilidade, ou xa non digo un vehículo que puidera estar ou acceder con maior facilidade. Creo que a mellora da accesibilidade e da seguridade é importantísimo. Seguir mellorando o edificio, a fachada ou a contorna das xanelas, todo iso que estaba certamente bastante despistado, corrixímolo”.
Dani Vega engadiu: “Tamén queremos dotar de equipamento ao Centro de Día, 31 cadeiras que se achegaron, e seguir con certas melloras na parte interior do edificio. Todo este investimento seguirá avanzando nese Ribadeo social que queremos. Está moi ben investir, está moi ben conseguir orzamento para arranxar os edificios, pero debemos ser conscientes que debemos conservalos e facerlles o mantemento adecuado. Por tanto, un novo investimento, un novo convenio, que ven por parte da Xunta de Galicia para mellorar nesta caso o Centro de Día”.