Rematan as obras de consolidación no castro de Zoñán, un xacemento clave para a historia de Mondoñedo

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude vén de concluír unha nova intervención de conservación e consolidación no castro de Zoñán, en Mondoñedo. A actuación, que contou cun orzamento de 13.700 euros, centrouse en garantir a estabilidade das estruturas escavadas e en mellorar o estado xeral dun dos xacementos máis singulares da provincia.
Para celebrar o remate dos traballos, a administración autonómica organiza o sábado 20 de decembro, ás 11:30 horas, unha visita explicada pola restauradora responsable da intervención, Alba Losada García, e polo arqueólogo municipal, Abel Vigo García. A actividade será gratuíta e aberta ao público, sen necesidade de inscrición previa, co obxectivo de achegar á cidadanía o labor de conservación realizado e a importancia histórica do enclave.
Nesta última campaña actuouse sobre as estruturas xa descubertas en campañas anteriores, reparando elementos soltos ou desprazados, como varias pezas das cabeceiras. Ademais, consolidouse de forma definitiva unha das vivendas da croa, eliminando a cabeceira provisional existente e acometendo tarefas de recrecido dos muros. Xunto a isto, realizouse unha limpeza integral da vexetación e renováronse os paneis informativos, deteriorados polo paso do tempo.
O castro de Zoñán é un referente no estudo da cultura castrexa en Galicia. Foi un dos primeiros xacementos escavados no país, no ano 1867, baixo a dirección de José Villaamil y Castro, quen identificou dúas estruturas e recuperou importantes achados materiais, como muíños, cerámicas e obxectos metálicos en bronce e ferro. Xa na primeira década do século XXI voltouse intervir no lugar, permitindo exhumar numerosas estruturas domésticas na croa, agrupadas en pequenos barrios e construídas en lousa, cunha superficie próxima aos 900 metros cadrados.
Os materiais arqueolóxicos recuperados ao longo de máis de século e medio de estudos sitúan a ocupación do castro entre o Bronce Final e o século V da nosa era, converténdoo nun espazo clave para comprender a evolución dos poboados fortificados no noroeste peninsular.