Rematadas as obras do parque infantil de Trabada
Xa remataron as obras de renovación do parque infantil de Trabada, realizadas nos últimos meses en virtude dun convenio de colaboración entre a Deputación e o Concello.
Os traballos levados a cabo nas últimas semanas permitiron renovar por completo esta dotación pública para o uso de crianzas e familias do concello mariñao. As actuacións incluíron a sustitución do pavimento por unha superficie de caucho e a instalación de diversos xogos para nenos de ata nove anos.
Ademais, a intervención permitiu mellorar a seguridade do recinto xa que se pechou o espazo cun valado que protexe os menores dos vehículos que acceden ao aparcadoiro próximo.
O organismo provincial destinou 16.200 euros á renovación do parque, realizada pola empresa pública Tragsa, na súa condición de medio propio da Deputación de Lugo.